O Concello de Oleiros tomba o recurso do PP pola compra dunha parcela en Xaz da muller do alcalde

La Voz OLEIROS

OLEIROS

MARCOS MÍGUEZ

Os populares táchano como «uns informes requiridos para dar cobertura a unha actuación consumada»

16 oct 2019 . Actualizado ás 17:09 h.

O Concello de Oleiros desestimou o recurso de reposición presentado polo Partido Popular sobre a adxudicación dunha parcela de Xaz á muller de alcalde deste municipio, algo que desde a formación da oposición foi considerado como «un lavado de cara do alcalde de Oleiros». No informe remitido desde a Secretaría, «a Xunta Consultiva de Contratación Pública do Estado entendu que desde o punto de vista da Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral, a única incompatibilidade existente para os concelleiros en materia de contratación existe exclusivamente para os contratos financiados total ou parcialmente a cargo da corporación municipal ou de establecementos dela dependentes». Argumenta posteriormente que, no caso da muller de Ángel García Seoane, unha venda en poxa pública dun inmoble municipal, «é a adquirinte quen deberá realizar o pagamento do prezo á facenda municipal; isto, en aplicación da doctrina antes indicada, debe conducirnos á conclusión de queo Concello non financia o contrato».

Para o portavoz do Partido Popular, José Anxo Bonome, «búscase arroupar legalmente unha decisión xa tomada» . «O escrito fai referencia a dous informes da asesoría xurídica externa do Concello que se condensan e que non entendemos por que non se achegaron á resolución», indica o edil do PP. «Creemos que ambos os informes foron requiridos para dar cobertura a unha actuación consumada, de xeito evidente irregular, ante a denuncia pública que fixemos», sinala Bonome, quen engade que a súa formación está «a estudar fórmulas para avanzar neste asunto». Unha das opcións é o recurso contencioso-administrativo ante a Xustiza nun prazo de dous meses.