«Oleiros pediunos un deseño e non lle gustou»

La Voz

OLEIROS

Marta Fernández-Tapias é presidenta da Comisión de Heráldica de Galicia

03 oct 2019 . Actualizado ás 09:48 h.

A directora xeral de Administración Local da Xunta de Galicia, Marta Fernández-Tapias, é tamén a presidenta da Comisión de Heráldica, organismo encargado de velar por que os escudos e bandeiras de todos os municipios estean homologados e cumpran coa normativa.

-Que pasa coa bandeira de Oleiros, que lles prohibiron usala?

-É que esa bandeira non está aprobada. E aquí recibimos dúas denuncias polo seu uso. Fixemos un requirimento para dicirlles que non se pode utilizar na casa do concello e que nos pomos á súa disposición para axudarlle no deseño e homologala.

-Pero Oleiros di que a súa bandeira foi aprobada polo pleno municipal no ano 2005.

-No seu momento, Oleiros pediunos un deseño e non lle gustou. Ese deseño modificárono e levárono a pleno. Pero se logo non nolo remiten a nós para que o aprobe o Consello da Xunta, non está homologado. Nunca nolo remitiron nin tivo un informe favorable noso.

-En que se basean os expertos da Comisión de Heráldica para escoller os elementos que teñen que saír na bandeira ou no escudo?

-É o que os historiadores da Comisión chaman o «blasonamiento». Estudan a historia do municipio, as características máis destacadas e, en base a iso, adáptano ás normas heráldicas e fan o deseño.

-Supoño que aspiran ao maior rigor histórico posible.

-¡Claro! Isto non é «quero pór no meu escudo un paxariño e póñoo». Todo ten a súa base histórica. Logo hai un informe que explica o blasonamiento do escudo e da bandeira.

-Se un municipio ten unha bandeira anterior ao decreto do 2010 [polo que se rexe a normativa da Xunta], pasa a ser un elemento prohibido?

-Non, e hainos moi antigos. Por exemplo, o de Bergondo aprobouse en 1977. Todo o que estea aprobado antes do 2010, conforme á normativa do momento, está ben.

-Cal era a situación antes de que existise a Comisión de Heráldica de Galicia?

-Pois antes de ter nós a competencia, tíñaa o Estado e supoño que terían unhas regras parecidas.

-Diría que é un tema este en o que reina a anarquía?

-Non. Antes de solicitar a aprobación, os concellos adoitan pedir o consello dos expertos da Comisión de Heráldica. Porque ademais, se non cumpren a normativa heráldica, non pasan a Comisión. Se non, sería unha tolemia.

-Agora case todos os concellos teñen unha imaxe corporativa que inclúe un logotipo con deseños máis modernos. Cre que se quedou nun segundo plano o escudo?

-Non se que dicirlle. Algúns municipios úsano e outros non. Nós aí xa non nos podemos meter. Nos papeis oficiais pode ser que moitos utilicen máis o logotipo do concello, pero aquí chega de todo. Uns poñen o logo, outros o escudo e hai outros que che poñen todo.

-É habitual que os municipios teñan bandeira oficial?

-Bastantes téñena. Aínda que non tantos como escudo. Pero aínda así, adoitan ser moi parecidos.