A escaseza de danos agrícolas deixa Oleiros sen as batidas diarias de xabarís

Antón s. Rodríguez OLEIROS / LA VOZ

OLEIROS

Marcos Míguez

As principais desfeitas neste municipio son zonas urbanas e nas que está prohibida a caza

03 oct 2019 . Actualizado ás 08:46 h.

Poucos alcaldes como o de Oleiros puxeron o berro no ceo polo paso dos xabarís polo seu municipio. Recentemente e, en resposta ao ataque pola prohibición da bandeira, con estrela vermella, reclamou á Xunta 60.000 euros en concepto de danos causados nos xardíns de Oleiros polos xabarís.

Pero o moderado silencio do resto de alcaldes non é sinónimo de que non sufran esta praga, mesmo con peores consecuencias, especialmente no gremio de agricultores. Desde Coirós, Betanzos e Bergondo moitos profesionais do sector primario pediron solucións urxentes para non traballar en balde.

A Xunta autorizou así batidas diarias en toda a comarca de Betanzos, deixando fóra a concellos como Oleiros, cuxa singularidade fai especialmente complicado a erradicación desta incómoda especie. «Aí onde máis dano fan, nos xardíns do Che Guevara, en Bastiagueiro, na zona de costa desde a praia ata Santa Cruz... aí non se lles pode tocar, é zona declarada reserva e está prohibido calquera tipo de caza », explica Javier Vázquez Maseda, un dos portavoces da asociación de caza do tecor de Oleiros, coñecido como Os Ludeiros. No entanto, o traballo desta agrupación é un bo síntoma do crecemento exponencial de xabarís nos tecores de Oleiros e a zona libre lindeira con Sada . «Nun principio, no 2018 tiñamos un permiso de doce xabarís por danos, pero ao final autorizáronnos moitos máis e cazamos 60», explica Javier. «E todos grandecitos, porque nestas batidas non podes matar un exemplar que baixe dos 40 quilos», engade.

O mapa dos danos é moi parecido ao mapa onde residen. A urbanización Icaria, o cemiterio de Liáns e Bastiagueiro debuxan un triángulo onde os xabarís campan ás súas anchas xerando non só desfeitas no céspede e os parques senón, o que é peor, creando un grave risco no tráfico, do mesmo xeito que en toda a comarca de Betanzos. Os concellos, en colaboración cos cazadores, xa toman medidas preventivas en puntos concretos da N-651 ou da AC-162, en Bergondo.