«Nas nosas festas quen sacan á Virxe na procesión son as mulleres»

Loreto Silvoso
LORETO SILVOSO A Coruña / LA VOZ

OLEIROS

EDUARDO PEREZ

A presenza feminina nas comisións aínda é escasa, pero vai en aumento

21 jul 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Gargallada vai, gargallada vén, hoxe montamos o bochinche diante do Concello de Oleiros para botar unha peza con dúas auténticas festeiras. Son mulleres e presidentas de comisión de festas.

P. Pisan un terreo ocupado por homes, tradicionalmente.

Marta Mera. Na nosa comisión somos catro mulleres. Machismo, ningún. Axúdanme unha chea.

Lucía García. Santa Ana era de tradición varonil. Eu crin que era a primeira muller, pero en Mera xa houbo unha moza antes. Ademais, rompemos a tradición; son as mulleres as que levan á Virxe en procesión o día de Santa Ana. Antes eran os papás e agora as mamás. Fixen ese pequeno cambio e foi aplaudidísimo.

M. M. Si, tamén nas nosas festas quen sacan á Virxe na procesión son as mulleres.

Pregunta. O de ir polas casas pedindo o donativo é o peor?

L. G. Que vai, eu pásomo bomba indo pedir. ¡Rimos tanto! E é cando podo saudar aos meus veciños. O meu fillo dime: «Mamá, ¡enganchas en todas as silveiras!». [Risos]

M. M. Para min si é o máis ingrato da festa, porque son tímida. Todo o demais non me mete medo, pero o de ir pedir...

P. Escóndense tras os visillos?

M. M. Hai de todo. Pero a maioría da xente é xenerosa e ábreche a porta con alegría.

P. Como se meteron nisto?

L. G. ¡De rebote! A anterior comisión deixouno e non había ninguén que se fixese cargo. O meu fillo e o meu irmán decidiron salvar a festa de Santa Ana. Como licenciada en Dereito e funcionaria, prometín que axudaría co papelorio.

P. Pero acabou facendo de todo.

L. G. Imaxinei que me ofrecerían a tesourería, pero pensei en dicirlles «Ou presidenta ou nada» e así me libraría do tema. [Risos]

P. O seu plan era un órdago ao grande.

L. G. E resulta que o meu fillo me contesta: «Bo, mamá, ¡pois ti presidenta e eu tesoureiro!».

P. ¡Ja, ja! Estratexia errada.

L. G. Ao principio só facía algunha xestión, ao segundo ano xa me pediron que lles axudase con máis cousas e agora, poño copas e ata bailo no escenario coas orquestras. [Risos]

Marta Mera. Eu, a verdade, é que estou metida en asociacións desde moi pequena. Empecei a cantar no coro da igrexa aos 5 anos, a tocar a gaita aos 8, ía na comparsa aos 12...

P. O xene comisionista hérdase?

M. M. A miña nai colaboraba coas comisións de festas e eu ía con ela para botarlles unha man.

L. G. O meu pai tamén. Hai moitísimos anos colleu a un grupo de amigos e salvaron a festa. Non permitiron que se perdese.

P. E co fisco, que tal?

L. G. Non podemos comparar as festas de Oleiros e Mera con esas macrofiestas que levan ás grandes orquestras.

M. M. Si, isto é máis humilde.

L. G. Pero todo iso é o que fai que a xente non se meta nas comisións de festas. Que se unha declaración responsable, que se un vixiante para os lumes...

P. Eses son os seus crebacabezas.

M. M. A lexislación vai cambiando e cada vez esíxenche máis cousas. Pero é por seguridade.

L. G. E por parte do Concello de Oleiros, máxima colaboración, eh.

M. M. ¡Totalmente!

P. Verbeneiras?

M. M. Eu non. Son moi caseira.

L. G. ¡Eu son verbenera a lume de biqueira! De min fixeron bocadillo os do Combo Dominicano. [Risos]

P. A ver. Vendan as súas festas.

L. G. ¡Que non vaian a Arteixo nin ao Burgo, que veñan ás festas de Santa Ana! [Risos] Se nós chegamos a ter ese diñeiro, ¡cae Mera! [Máis risos]

«Os días fortes só durmimos unhas tres horas. Déitasche ás 5.30 e ás 8.00, en pé»

Que lle dá a puntilla a unha festa para que sexa perfecta? Preguntámosllo ás presidentas das comisións de Oleiros e Mera.

L. G. Os fogos artificiais. Á xente maior gústanlle uns lumes espectaculares.

M. M. Aquí tamén, pero isto vai por xeracións. A xente maior quere unha orquestra coa que poida bailar un pasodobre coa súa parella e a mocidade, o seu.

P. Como lles saíron as festas deste ano?

M. M. En Oleiros tratamos de facer unhas festas para todos. Por iso hai un día para os nenos, outro para os maiores, un para o folk, outro para o rock...

L. G. E que non che limites só á verbena; de aí a merenda que facemos o Día dos Avós.

Aquí temos por terceira vez a De Vacas o 25 de xullo e a Carlos Bau e Os Claretes o 27. En Mera o que responde , repite.

P. Que é o máis bonito?

M. M. Como se envorca a xente. A Asociación de Amas de Casa pásase o día da churrascada elaborando rosquillas, fan unha pota inmensa de chocolate para os nenos; os moteiros acompañan á caravana; o día da alfombra están todos axudando... É moita colaboración.

P. E eu que pensaba que ían á caza do voluntario...

L. G. Bo, nós estamos a buscar quen nos releve na comisión, pero tamén temos moitos amigos que nos apoian. Teño un que o ano pasado queimouse a barriga facendo churrasco. El monta barras, desmóntaas, pon as copas...

P. Cantas horas dormen?

L. G. Os días fortes durmimos unhas 3-4 horas. Logo cóllome días libres, porque caio redonda.

M. M. Sempre hai algo que facer. O primeiro día déitasche ás 5.30 e ás 8.00 xa estou en pé.