1903: Cando no rural votaba todo o mundo

Xosé Alfeirán A Coruña

OLEIROS

O popular médico Rodríguez, candidato republicano, denunciou na Coruña manipulación electoral

12 jun 2019 . Actualizado ás 10:03 h.

Non foi posible. A pesar da mobilización dos seus partidarios, o popular médico Rodríguez, candidato republicano, non saíu deputado polo distrito da Coruña nas eleccións xerais de 1903. Oficialmente conseguiu 2.530 votos na cidade, 393 en Oza, 232 en Cambre , 56 en Oleiros , 49 en Arteixo , 12 en Laracha, 2 en Carral , Culleredo e Santa Comba e ningún en Abegondo , Cabana, Carballo, Cesuras, Coristanco e Malpica; total 3.278 votos. Os seus rivais, os monárquicos Eduardo de Torre Taboada, con 12.680 votos, Antonio do Moral e López, con 12.381, e Eduardo Gasset Chinchilla, con 12.150, saíran elixidos; pero sólo lograran 732, 728 e 286 votos, respectivamente, na Coruña. Gañaban no rural.

Celebradas as eleccións o 26 de abril, o 30, ás 10 horas, constituíuse a Junta de Escrutinio para a proclamación de candidatos no antigo concello coruñés ,situado no convento de San Agustín (hoxe demolido), ao lado da igrexa de San Jorge. Formábana todos os interventores, con maioría de monárquicos, e as súas funcións eran sumar os votos das actas enviadas e a consignar reclamacións.

O médico Rodríguez presentou e leu unha protesta xeral, conservada no Arquivo Municipal, sobre a validez dos resultados. Ironicamente manifestou que na cidade apenas votaba a metade dos electores homes maiores de 25 anos, pero en cambio nas aldeas todo o mundo votaba. Así, en Cabana sólo deixaron de facelo 36 electores, en Coristanco 84 e en Cesuras 87, pasando algo semellante nos demais concellos rurais. E iso era posible grazas aos ardides dos alcaldes e interventores monárquicos que manipulaban o censo, falsificaban as actas e abrían e pechaban os colexios electorais ao seu antollo.

En apoio da súa causa achegaba o testemuño de persoas que denunciaban o ocorrido. Un caso frecuente era o sucedido na mesa electoral da casa consistorial de Oleiros. Ás 7 da mañá, chegaron os seus interventores e atopáronse con que xa estaba alí o alcalde Joaquín Cagigal, que presidía, e unha urna chea de papeletas, a pesar de que a hora para empezar a votar era ás 8. Sinalaron esa ilegalidade, pero respondéronlles «que chegaran tarde». Nada valeron as súas protestas. Ás 12 o alcalde pechou a mesa porque tiñan que ir comer e xa non a volveu a abrir. O máis curioso aconteceu en Montrove, onde os interventores republicanos colleron a urna precintada coas papeletas dentro antes de que se fixese o escrutinio e entregárona ao Xulgado, pero a Junta recibiu unha acta cos seus supostos resultados que foi aceptada.

Tras admitir a protesta, a Junta sumou os votos das actas e proclamou aos candidatos oficiais. Á 1 suspendeu as súas sesións. Á saída os republicanos insultaron aos interventores con berros de carneiros e sonoros beees e ao fillo do alcalde de Oleiros déronlle de labazadas.