Só faltan 6.000 euros para a traiñeira

OLEIROS

CESAR QUIAN

O equipo feminino do Club de Regatas Salgado Perillo seguen coa súa iniciativa de recadar fondos para adquirir outra embarcación

18 abr 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Van cumprindo obxectivos. Os da plataforma goteo.org marcáronlles un tempo para conseguir 6.000 euros. «E superámolo de xeito folgado. Esta mañá mirei e ían 9.606 euros, co que agora temos unha nova marxe de corenta días para acadar o obxectivo», comentan Laura, Carla e Cris, tres das compoñentes do equipo feminino do Club de Regatas Salgado Perillo. A campaña de micromecenazgo puxérona en marcha para poder adquirir unha traiñeira de mellores prestacións que a que utilizan na actualidade, que ten moitos anos e pesa unha barbaridade. «Á que lle botamos o ollo de segunda man custa 16.000 euros contando os arranxos que hai que facer. Unha nova son 35.000 e somos conscientes de que é imposible de asumir», comentan nos micrófonos de Radio Voz, onde falaron da campaña #remandoxuntas. Ademais de manter aberta a citada conta para as achegas, desenvolven distintas actividades encamiñadas a recadar fondos. Por exemplo, o 28 de abril, día das eleccións, celebrarán un vermú solidario no Bitácora de Santa Cristina no que actuará o dúo Vudú, que esta semana se coñeceu que tamén estarán no Noroeste. «A entrada custa seis euros e inclúe cana e petisco. Agardamos recadar unha boa cantidade de diñeiro», aseguran. Pois iso, palada a palada achéganse ao obxectivo. Só faltan 6.000 euros para a traiñeira.