Oleiros sobe os prezos das súas parcelas municipais para axustalas ao mercado

Elena Silveira
Elena Silveira OLEIROS / LA VOZ

OLEIROS

PACO RODRÍGUEZ

O goberno local prevé ingresar máis de 4 millóns de euros pola venda de 16 soares

14 feb 2019 . Actualizado ás 09:54 h.

Os técnicos do Concello de Oleiros están a elaborar os novos pregos de contratación que determinarán na venda de varias parcelas de titularidade municipal. A previsión do goberno local é que esa documentación estea rematada e aprobada no prazo dun mes para que, a finais de marzo ou principios de abril, xa poida estar vixente. O alcalde oleirense, Anxo García Seoane, explicou que os pregos incorporarán importantes novidades con respecto aos existentes xa que «intentarán poñer ao día o prezo das parcelas». Neste sentido, confirmou que o prezo das leiras experimentarán unha subida para adaptarse ás valoracións que actualmente están marcando o sector inmobiliario. «Si, haberá una suba nos prezos, pero sempre por debaixo dos que están no mercado. As valoracións que había das parcelas eran de tempos da crise e a día de hoxe estase pagando moito máis polo solo en Oleiros», indicou. Aínda que polo momento non puido precisar de canto será ese incremento, puntualizou que as parcelas «serán máis baratas que as que se venden no sector privado, pero tampouco regaladas», explicou o rexedor.

O Concello de Oleiros dispón actualmente de nove parcelas edificables en Canide, Iñás, Mera, Santa María de Oleiros e Perillo. A partir do mes de marzo incorporaranse á oferta municipal outras leiras, tanto para construción de vivendas individuais como comunitarias, na contorna de Corredoira dás Viñas (Iñás), na zona de Xaz así como no centro urbano de Oleiros, xunto ao edificio consistorial. O número total de parcelas será de 16, aínda que a vivendas resultantes poderían ser máis xa que nalgunha delas poderíanse edificar bloques con pisos.

García Seoane tamén confirmou que o goberno local agarda ingresar pola venda destas parcelas edificables máis de catro millóns de euros, aínda que esa cantidade virá determinada polo número de soares que se logren vender e o prezo que se fixen nos novos pregos. E ese diñeiro será despois destinado a financiar algúns dos proxectos que están incluídos nos orzamentos municipais do 2019.