Chupi rozou, de vaselina, a machada en Palmeira

s. Gómez

OLEIROS

CARMELA QUEIJEIRO

O Palmeira, con múltiples baixas e con xuvenís no once inicial, afanouse en pechar ocos

12 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Nun duelo bronco, de pura trincheira, Palmeira e Oleiros asinaron un empate sen goles sobre o destartalado céspede de Ventín. Con sabor amargo para dúas escuadras que pelexan por disputar a fase de ascenso, todo puido cambiar no último segundo. Chupi, o punta visitante, rozou a machada cunha vaselina que chuspiu o traveseiro e que salvou o refacho de imbatibilidade local, que leva xa sete partidos sen coñecer a derrota.

A pesar de que o terreo de xogo non axudou, o Oleiros fixo máis méritos para lograr unha mellor sorte. Aínda que con dificultades, o equipo de Santamaría intentou xogar unha pelota que saltaba como unha lebre polo irregular céspede. Con todo, foi o Palmeira o que contou coa ocasión máis clara para adiantarse no marcador. Fran, de falta, obrigou a Juan a facer a parada da xornada para evitar o 1-0.

Non variou demasiado o guion tras o descanso. O Palmeira, con múltiples baixas e con xuvenís no once inicial, afanouse en pechar ocos, evitando que rivais, como o sempre perigo Milleiros, brillasen. Todo puido cambiar nesa última xogada do encontro. Na bancada local parouse o tempo por uns segundos. Por sorte, o balón habíase estrelado no traveseiro.