Oleiros porá «viseiras» ás súas marquesiñas para evitar a choiva

Elena Silveira
Elena Silveira OLEIROS / LA VOZ

OLEIROS

MARCOS MÍGUEZ

O alcalde recoñece que o deseño ten «serios problemas»

08 feb 2019 . Actualizado ás 09:51 h.

O alcalde de Oleiros , Ángel García Seoane, anunciou onte que haberá que realizar algunhas modificacións nas 14 novas marquesiñas instaladas no municipio e que foran deseñadas polo goberno local. Explicou que será necesario instalar unha especie de «viseira» nas cubertas para evitar que a choiva molle aos usuarios.

Despois de numerosas queixas e críticas pola utilidade real destas estruturas, o rexedor admitiu onte que non ofrecen o servizo para o que fora concibidas. «A xente ten razón cando opina. Se a cuberta estivera inclinada para abaixo en non para arriba, como está, si que quitaría a auga», indicou. Aclarou que as novas pezas instaladas non son as que el propuxo: «Cando eu dixen que había que facer una marquesiña sen cristais, me refería a unha que tería que cubrir a xente, e non un teito recto e mirando cara ao sol, como os falanxistas. Non se fixo o que eu mandei facer senón outra cousa que, ademais, ten serios problemas», dixo. Asegurou que as próximas marquesiñas que contratará o Concello de Oleiros non terán este deseño e avanzou que os técnicos municipais estudarán a mellor forma de pór ás xa instaladas unha especie de «viseira» que evite a entrada de choiva. «Algo que sirva para quitar a auga, non o frío. Porque para o frío a xente o que ten que facer é abrigarse», dixo. O goberno local destinou 75.401 euros a estas marquesiñas e, con cargo ao orzamento deste ano, encargaranse outras trinta máis, «para poder continuar substituíndo outras que tamén se atopen deterioradas».

Os grupos municipais da oposición denunciaron en varias ocasións a «inutilidade» das marquesiñas. O candidato do PP, José Bonome, indicou neste sentido que os veciños non teñen que pagar as consecuencias dos vándalos, xa que as estruturas foron deseñadas para evitar as súas accións.