Un coro parroquial que xa pasa dos 40

OLEIROS

Algunhas compoñentes do grupo orixinal seguen ensaiando e cantando en misa e en eventos

14 novs 2018 . Actualizado ás 16:35 h.

O coro da parroquia de Santa María de Oleiros formouse hai 40 anos e, detrás das súas voces, hai unha historia preciosa. Silvia Catoira Serantes lembra que o grupo comezou cando as que hoxe son as maiores eran as máis pequenas. «Por aquel entón xuntounos unha monxa que había na parroquia que pertencía á congregación das Misioneiras de Acción Parroquial e que vivían ao lado da igrexa». Silvia lembra que aquela misioneira se chamaba Eugenia Alegre González. «Ela foi quen nos ensinou a cantar a gran maioría dos cantos que coñecemos. Estivemos moitos anos ao seu lado, ensaiando cada sábado ás catro da tarde, e tamén cantando todos os domingos na misa de once e media da parroquia». Di tamén que por ese coro pasaron moitas familias de irmáns e que, de aí, saíron grandes amizades que aínda hoxe perduran

Tanto ela como as súas compañeiras lembran que un bo día a congregación de misioneiras decidiu cambiar de destino á nai Eugenia. «Desde o pobo fixemos todo o posible por distintas vías para que non nola levasen de aquí, pero foi imposible e anos máis tarde, en 1995, finalmente pecharon a casa parroquial e nunca máis houbo misioneiras na nosa parroquia», lamentan.

Así que dun día para outro o coro quedou sen directora. Aínda que o lóxico sería que o grupo se fose disgregando, as que por aquel entón tiñan xa sobre 25 anos decidiron tomar as rendas e seguir ensaiando e cantando en misa todos os domingos para botar unha man ao párroco, Guillermo Taboada Vázquez. «A partir de aí empezaron a chamarnos para cantar en vodas, funerais... Ao principio sempre por medio de coñecidos, pero finalmente o boca a boca fixo que nos empezasen a contratar para cantar en eventos noutras parroquias, ás veces moi lonxe da nosa. A día de hoxe aínda seguimos facendo este traballo», explican.

Silvia confirma que o coro parroquial de Oleiros cantou «en todas as vodas das súas propias compoñentes, ás que dedicamos intensas semanas de ensaios». Di tamén que cantaron na súa propia parroquia en momentos moi importantes para don Guillermo ou para a igrexa en si mesma, «como foi non fai moito o 50.º aniversario do templo, ou os 50 anos como sacerdote do noso párroco, hai uns anos. E, polo seu posto, cantamos todos os 15 de agosto na festa de Santa María de Oleiros, que é a festa do noso pobo, nas comuñóns cada verán... E seguimos facéndoo cada domingo na misa», explican con orgullo.

Os seus compoñentes explican que polo coro pasou multitude de xente ao longo destes anos, de moitas idades diferentes. «Chega un momento en que a xente empeza a facer a súa vida, casan, teñen fillos e o foron deixando. Lei de vida...», explican. Pero hai pouco, e despois de moito tempo, xuntáronse todos para celebrar os 50 anos de don Guillermo como sacerdote. «Todo o mundo fixo un esforzo grande para vir aos ensaios e cantar xuntos despois de tantísimos anos. Foi unha sorpresa para darlle ao noso párroco, que tanto llo merece. Ese día cantamos desde o altar, de fronte á xente. E foi unha das misas máis emotivas que recordo. Por todo o que significaba, primeiro para el, e logo o que significou para nós ao xuntarnos unha vez máis», explica Silvia.

A día de hoxe, do grupo inicial quedan poucos, aínda que de forma puntual seguen volvendo á igrexa varias das compoñentes «de sempre». Nunca falla Marta Mera García, que actualmente é a directora e a voz principal. De feito, grazas a ela o coro ten agora nenos e nenas de varias idades que acoden a ensaiar todos os domingos. Iso si, segundo explican, calquera voz nova sempre é benvida.