O BNG leva ao Parlamento de Galicia o proxecto urbanístico do Maxi

La Voz

OLEIROS

Os nacionalistas queren saber por que non se esixiu informe de Patrimonio e avaliación ambiental estratéxica

23 abr 2015 . Actualizado ás 12:28 h.

Os deputados nacionalistas Francisco Jorquera e Ana Pontón levan hoxe á comisión de Ordenación Territorial do Parlamento de Galicia o polémico proxecto urbanístico previsto na parcela que ocupaba o antigo hotel Maxi, en Santa Cruz (Oleiros). O BNG quere saber con que criterios a consellería que dirixe Ethel Vázquez deu o visto e prace á construción do edificio, que poderá ter unha altura de 18,5 metros, sen que se realizase o trámite de avaliación ambiental estratéxica (a pesar da singularidade natural e paisaxística da contorna da parcela) nin tampouco informe de Patrimonio, que os nacionalistas consideran que podería ser preceptivo pola proximidade do conxunto formado pola illa e o castelo de Santa Cruz.

O Bloque trasladou o caso á Cámara galega a instancias da plataforma veciñal Santa Cruz Aberta ao Mar, que leva meses recollendo firmas para tratar de impedir a construción do complexo hostaleiro, que inicialmente se expuxo como un hotel de cinco estrelas e agora prevese que sexa un aparthotel. A entidade considera que o inmoble causará un grave impacto visual e ambiental na localidade oleirense.