«A actitude dos veciños durante o temporal foi extraordinaria»

María Doallo Freire
maría doallo OURENSE

MIÑO

MIGUEL VILLAR

O desbordamento do río Miño provocou que os bombeiros actuasen 25 veces nun día

20 dic 2019 . Actualizado ás 18:03 h.

«O temporal máis chuvioso deste século alaga toda Galicia». Leste foi o titular que se leu na portada de La Voz de Galicia o 8 de decembro do 2000. Exactamente un día despois de que ese temporal ao que facía referencia provocase o desbordamento do río Miño nas inmediacións do encoro de Velle. Algo que rematou traducíndose no corte da N-120, en garaxes alagados ou o proxecto termal en Eirasvedras totalmente mergullado pola auga, entre outras consecuencias. Unha situación crítica e excepcional que foi o resultado de levar varios días sufrindo choivas e refachos de vento, catalogadas naquel momento como as máis intensas dos últimos 123 anos.

De todo iso acórdase con exactitude Juan Antonio Cid Boo, un dos bombeiros do equipo da cidade que aquel día, e os dous seguintes, tiveron que traballar arreo para conseguir restaurar os problemas ocasionados polas fortes inundacións ás que se enfrontaba Ourense. «Foi unha anegación masiva da parte da cidade máis próxima ao río, posiblemente a máis grande que poidamos REVISAR lembrar todos os que traballamos aqueles días», explica. Cid lembra que entrou ás oito e media da mañá a traballar, aquel 7 de decembro do 2000, e que a previsión meteorolóxica xa auguraba complicacións para as seguintes horas: «A canle do Miño non paraba de aumentar o seu nivel e cada pouco alertábanos diso Protección Civil, tanto a estatal como a autonómica». O primeiro paso foi cortar a N-120, exactamente o tramo da estrada que cruza a cidade en dirección a Monforte, despois de que o desbordamento cubrise as piscinas de Oira por completo. Por mor diso, os sinistros comezaron a sucederse. «Só ese día rexistramos uns 25 movementos para os que fixo falta duplicar o número de bombeiros traballando. Recordo perfectamente algúns de eles», di. E comeza a relatar: «Tivemos que sacar máis dunha decena de coches dos garaxes do edificio Solaina -fronte ao colexio Salesianos- porque o Barbaña non era capaz de desaguar no Miño e xa que logo, converteuse noutra entrada de auga na cidade. Tamén me acordo de como, pola zona de Oira íansenos as casetas polo río abaixo. Pequenas construcións que a xente que traballaba no campo tiña para gardar as súas ferramentas e demais utensilios, eran arrastradas pola corrente sen que puidésemos facer nada».

Da inundación ao incendio

Estes non foron os únicos sucesos que tiveron lugar a consecuencia do temporal que arrasou toda a provincia, e Galicia en xeral, durante aqueles días do mes de decembro. A ponte do Milenio, que por aquel entón se atopaba en plena construción, perdía un dos dous soportes metálicos -cimbras- que se encargaban de mantelo en pé e aínda que se temeu, a estrutura non se viu resentida finalmente. «Aquel mesmo día houbo dous incendios, posiblemente xerados por curtocircuítos», comenta Cid. El non acudiu persoalmente a ningún dos dous, pero La Voz si que relatou especialmente o ocorrido nun deles: «Trátase do incendio dunha chabola construída nas inmediacións da desembocadura do río Loña, o que supuxo un contrasenso. Ver o lume na parte superior da construción e a auga cubrindo á súa vez os aveños do ocupante da mesma». Foron sin duda rechamantes os rescates de animais que quedaron á intemperie, atrapados pola crecida do río. Un porco, dous cans, coellos e galiñas que os empregados do servizo municipal puideron rescatar. Árbores caídas na estrada de Barra de Miño ou na de Rairo provocaron a intervención dos bombeiros.

A importancia de axuntar forzas

Para liquidar todos os problemas que xurdiron como consecuencia do forte temporal e consecuente inundación de parte da cidade, foi necesaria a actuación conxunta de Protección Civil, o equipo de urxencias, os bombeiros e a Policía Local. «Foi unha situación tremenda que chegou a superarnos a todos os que colaboramos para pórlle fin, sen ser do todo capaces de freala. Non nos era posible facernos cargo de todo o que estaba a pasar nun mesmo momento por iso é polo que nos centrásemos no que tiña maior abura, así ata chegar a cumprir coa última incidencia», conta Cid. O bombeiro ourensán fai especial fincapé na importancia vital que tivo tamén a actuación da cidadanía, que aqueles días se envorcou co que estaba a ocorrer. «A actitude dos veciños foi extraordinaria e iso axudou moito. Todo o mundo sabía que a prioridade estaba en pórse a salvo, esquecendo os bens materiais que puidesen ter, e iso facilitou moitísimo o noso traballo. Ourense, e Galicia, demostramos cada vez que nos ocorre unha desgraza que somos capaces de funcionar como un equipo e un todo e iso é incriblemente bo. Aquel día, e os seguintes, todos realizamos un gran esforzo», remata.

O resto da provincia tamén sufriu o temporal. En Verín, a crecida do río Támega foi a máis intensa desde o ano 1955, chegando a levantar muros de contención na zona da Alameda. En Xinzo, veciños de pobos como Rebordechá ou Paredes viron os seus baixos alagados e os seus rabaños de ovellas atrapados. O Sil desbordouse en Valdeorras, en Ribadavia tiveron que desaloxar varias vivendas e na zona de Trives houbo desprendementos e cortes de luz.