O alcalde de Miño pide unha sentenza «canto antes» sobre o campo de golf

MIÑO

Manuel Faraldo declárase «preocupado» polo mal estado do percorrido e entende que a resolución xudicial facilitará unha futura venda ou concesión

09 ago 2019 . Actualizado ás 16:18 h.

O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, desexa que se despexe o futuro do campo de golf de Miño cunha sentenza «canto antes» sobre o litixio que mantén con Martinsa-Fadesa sobre as hipotecas que o concello reclama sobre o complexo deportivo e outras propiedades. O fallo do xulgado do Mercantil número 1 da Coruña, despois de que a administración concursal da empresa propietaria do recinto pedise o levantamento e cancelación das cargas no mes de abril, facilitaría a futura saída do campo á venda ou a poxa, ou a adxudicación dunha nova concesión.

O campo de 18 hoyos de Miño atópase nunha situación de provisionalidade desde que Gealbegolf, a anterior xestora do complexo de Martinsa-Fadesa, pediu en setembro do 2016 a súa liquidación voluntaria. Desde entón, baixo a xestión de Manuel Basanta, o percorrido hase ir deteriorando, hase enrarecido o ambiente nas instalacións e multiplicáronse as queixas dos xogadores polo pobre estado de rúas, greenes e tees. Ata o punto de suspenderse a celebración dun torneo oficial da Federación Galega de Golf o pasado mes de marzo despois de que dous xogadores denunciasen nun escrito que a sede non reunía as condicións mínimas para a disputa dun torneo. «Estamos preocupados polo mal estado do campo, porque non dá unha boa imaxe, e polo obxectivo que nós temos de que funcione como un atractivo para a urbanización e para Miño no seu conxunto», explica Manuel Faraldo. Sen querer xulgar as decisións de Martinsa-Fadesa ou do xestor actual do campo, lamenta que estea a se deteriorar unha propiedade sobre a que o concello reivindica os seus dereitos. «A imaxe que se está trasladando non é boa para o futuro aproveitamento do campo, sexan cales sexan os propietarios ou os xestores», indica o alcalde de Miño.

O pasado 27 de xullo suspendeuse outro campionato en Miño. A xestora do complexo atribuíu a decisión ás malas condicións meteorolóxicas, cando ese mesmo día se disputaron torneos con normalidade na provincia coruñesa, e mentres varios xogadores aseguraban que o motivo real do adiamento radicaba no pobre estado do campo.

A deterioración do percorrido de 18 hoyos -o único desas características ao norte da Coruña- fai que o alcalde de Miño desexe unha rápida resolución xudicial sobre as hipotecas que reclama o Concello. «Estamos a desexar que haxa unha sentenza canto antes para que se clarifique o futuro do campo. Creemos que os tribunais nos darán a razón para executar as garantías que temos sobre o campo e proceder á súa venda ou concesión», indica Faraldo.

O primeiro edil de Miño entende que «o campo de golf pode ser un atractivo máis para o desenvolvemento non só da urbanización, senón de todo Miño, pola imaxe de pobo atractivo e acolledor que sempre defendemos».