Miño suma case un ano co servizo de axuda no fogar prorrogado

Dolores Vázquez MIÑO / LA VOZ

MIÑO

O PSOE teme que se interrompa ao quedar deserto, pero o goberno local négao

20 jun 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O pleno de Miño declarou deserta a adxudicación do contrato do servizo de axuda no fogar do Concello tras unha serie de avatares que suscitaron a polémica por parte da oposición, que teme que poida afectar aos 62 usuarios, aínda que desde o goberno local aseguran que a atención está garantida.

«Creo que en xullo do ano pasado venceu o contrato, pero seguiuse coa empresa adxudicataria anterior e sacouse a licitación, presentáronse dúas empresas, unha quedou fóra e a outra requiríuselle documentación e non a presentou dicindo que a tarifa lle parecía pouco e finalmente non quixo prestar o contrato», comentou o rexedor, Ricardo Sánchez Oroza, sobre un proceso que se debe volver iniciar. Aínda que estima que se podería volver adxudicar no prazo de dous meses, o alcalde admite que a nova lei de contratos pode dificultar cumprir eses prazos.

«Actualmente estamos en conversación para que a empresa que presta o servizo continúe prestándoo nesta situación temporal, nestes meses ponte», dixo, e puntualizou que estudarán un cambio nos prezos da hora de servizo, ao entender que é o principal escollo. «Fíxonos saber [a empresa] que os números non lle pechaban e revisaranse as tarifas», indicou Sánchez Oroza, que se mostrou desconforme co modo de actuar da última adxudicataria. «No próximo contrato que saquemos a licitación executaranse as garantías se a empresa que se presente volve facer isto», alertou en relación a que se rexeite a posteriori o contrato. A tarifa do servizo habíase rebaixado nuns dous euros por hora, segundo informou o PSOE e acordouse en comisión que se valorase nos pregos o 60 % a oferta económica da empresa e o 40 % a proposta técnica, para que non fóra só o criterio monetario o que primase.

«Moi preocupante»

Desde o PSOE, único partido na oposición, o seu portavoz Manuel V. Faraldo, explicou no pleno que preocupa tanto o futuro dos usuarios como das traballadoras tras a renuncia das dúas últimas adxudicatarias e teme que o feito de que o goberno municipal lles asegurase que «ían intentar que non se interrompa o servizo» non supón unha garantía suficiente, máis cando estiman que a tempada estival pode afectar á redacción dos novos pregos de adxudicación.

«Abstivémonos porque é un tema moi delicado, moi preocupante pola xente afectada, tanto traballadores como usuarios e sería tremendo que queda sen prestarse este servizo», indicou Faraldo, que teme que o malestar da empresa que o prestaba teña sido o que teña feito desistir ao resto.

No que si houbo acordo no pleno foi na aprobación do proxecto de pavimentación de viarios nas parroquias de Bemantes, Callobre e Vilanova, cunha execución que levará a cabo en dous anos e con cargo a fondos da Xunta. A corporación de Miño volverá reunirse en pleno mañá, para abordar, como único punto da orde do día a probación provisional dunha modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal.

Tres votos distintos no executivo local

A moción de respaldo á Plataforma veciñal Mina Touro O Pino Non foi, de xeito sorpresivo, o que uniu onte ao alcalde cos seus anteriores socios, do PSOE, e separouno» do PP, co que goberna en coalición. Ricardo Sánchez, a través de Plataforma Aberta de Miño, e o PSOE compartiron a tese de quen rexeita o proxecto de minería. Tendo en conta só o grupo de goberno suscitáronse tres votos diferentes: o rexedor a favor, cinco edís do PP abstivéronse e o concelleiro do grupo popular Agustín Andrés, cun pasado laboral ligado á mina das Pontes, en contra. «O que para uns pode ser unha diferenza de criterios, a min paréceme de saúde democrática, non pasa absolutamente nada», dixo o rexedor cuestionando algunhas disciplinas de voto.