As cidades quedan atrás á hora de licitar de forma electrónica

Toni Silva A Coruña / LA VOZ

IRIXOA

Toni Silva

A Coruña, Ferrol e Santiago aínda piden o sistema manual mentres pequenos concellos xa xestionan co 2.0

01 oct 2018 . Actualizado ás 10:59 h.

As empresas interesadas en realizar a pavimentación da avenida de Couce, en Valdoviño (por algo máis de 200.000 euros) terán que presentar a oferta neste pequeno concello de forma electrónica. Pola contra, as firmas que queiran optar a reformar o mercado de Caranza da cidade de Ferrol (case 800.000 euros) deben esquecerse do 2.0 e presentar a oferta de forma manual, no sobre de toda a vida.

Non son casos illados. A provincia da Coruña esconde un curioso paradoxo na que municipios rurais e sen especialistas informáticos como Irixoa ou Coirós xa están preparados para xestionar os novos contratos de forma telemática, como pide a Lei 9/2017 ao albur da directiva europea que marca outubro como o prazo en que o papel debe ser una mero recordo na Administración. En cambio, as tres grandes cidades -A Coruña, Santiago e Ferrol-, aínda non se adaptaron a esta nova realidade ou están en fase de probas. «As ofertas presentaranse no Rexistro de María Pita en papel ou en soporte dixital que se presentarán no sobre pechado. A presentación non se realiza a través de medios electrónicos, conforme a DÁA 15.ª da LCSP, pola falta de medios técnicos para a súa realización», sinala un dos recentes documentos de licitación do Concello da Coruña.

Mentres, consistorios como Paderne, Ordes, Tordoia, Brión, A Pobra, Mazaricos, Corcubión, A Capela ou Santa Comba levan meses licitando os novos contrarios de forma «exclusivamente» electrónica. Moitos contaron coa asesoría do equipo de informáticos da Deputación, que prestaron a súa axuda de forma poliédrica: cursos de xornadas completas para explicar a Plataforma de Contratación do Estado; elaboraron guías e tutoriales para non perderse nesa complexa páxina; e realizaron asistencia remota desde a sede provincial aos computadores dos concellos. «E tamén lles invitamos a vir aquí aos nosos computadores a facer as súas licitacións», explica Miguel Lorenzo, xefe do servizo de informática e administración electrónica da Deputación.

«Hai que valorar o gran esforzo que están facendo estes concellos pequenos, é un cambio moi grande e a adaptación está a custar moito e estano resolvendo moi ben», engade o técnico. Ademais, a Deputación contratará en breve un equipo de informáticos para consolidar a xestión telemática en toda a provincia. «Dicímolo sempre, en leste e noutros asuntos, a Deputación ten que estar ao lado dos municipios máis pequenos para cubrir as súas necesidades básicas», explica o presidente da institución provincial, Valentín González Formoso.

Outros municipios, como Oroso ou Culleredo, adaptáronse por libre, sen o asesoramento expreso do ente provincial. «Aínda que é común que todo o mundo chame para resolver algunha dúbida», engade Miguel Lorenzo.

Pide un certificado por vía telemática ao concello compostelán e envíanllo por correo

Celestino Amigo é o secretario municipal da Baña e Carnota, onde aínda están en fase de probas co novo sistema. Aquí non foron da man da Deputación. «Fixemos un contrato de asistencia técnica, para non envorcalo só nunha persoa, en lugar de ir e vir aos cursos da Deputación, que nos pillaba un pouco a desmano. Estamos a piques de saír, xa iniciamos os simulacros de apertura de sobres», explica o funcionario. Nestes municipios, como na maioría, recorren á plataforma do Estado, «porque a da Xunta só é apta para operacións moi simplificadas».

Considera «curioso» que as Administracións das tres grandes cidades non teñan liderado o cambio, co amplo persoal, informáticos incluído, da que dispoñen. E el mesmo sufriu ese atraso. «Este verán en Santiago, onde vivo, pedín un certificado de empadroamento por vía electrónica e enviáronme un papel a casa», explica Celestino Amigo. 

Un aforro evidente de papel

Ve ben o novo sistema en canto ao aforro de papel, pero non así en relación ao tempo, «polo menos de momento». «As plataformas están sobrecargadas, hai rexeitamentos, agardo que a medio prazo si comprobemos que é un sistema moito máis rápido, pero todo cambio necesita un período de adaptación», sinala do funcionario.

O exemplo de Bergondo : «A primeira mesa de contratación levounos tres horas»

No Concello de Bergondo caeron unas cantas horas extras nos últimos meses para adaptarse aos novos tempos telemáticos. «O primeiro día que abrimos sóbrelos da contratación polo novo sistema levounos tres horas», lembra a alcaldesa, Alejandra Pérez. E iso que, precisamente o novo método había desanimado a moito dos aspirantes para presentarse á obra en cuestión, o asfaltado do polígono de Bergondo. «Tiñamos moita urxencia porque debía estar xustificada a obra antes do 15 de novembro para non perder a subvención», sinala Pérez Máquez. Pódese dicir que esta foi a obra que inaugurou en Bergondo (6.500 habitantes) o sistema electrónico, xunto con outras dúas menos voluminosas e que foron resoltas pola secretaria a través da súa propio terminal. Esta funcionaria foi unha das tres presentas que asistiu aos cursos celebrados na Deputación. «Trátase de que o Concello non quede bloqueado o día que a secretaria estea de vacacións», relata a alcaldesa.

O Concello contratará un circuíto interno de emisión audiovisual cunha pantalla no salón de plenos para que as partes afectadas poidan ver a xestión dos contratos en tempo real. Á marxe das contratacións, a xestión telemática cambiou os hábitos da alcaldesa. «Antes a última hora chegábame unha torre de papeis que asinaba, pero agora chéganme avisos ao teléfono para asinar ao momento porque se non a xestión non pode continuar. A transparencia é absoluta».