A fusión das cooperativas Aira e Cusoviame frústrase ao non ter suficientes apoios

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE

CURTIS

Os socios da segunda non chegaron a reunir o número de síes que facían falta

09 novs 2018 . Actualizado ás 21:37 h.

O proceso de fusión das cooperativas agrogandeiras Aira (de Lugo) e Cusoviame (da Coruña) quedou frustrado despois de que este venres non se conseguise un apoio suficiente por parte dos socios da segunda destas entidades nunha asemblea que se celebrou co obxectivo de decidir se se daba ou non o paso definitivo.

Aínda que o número de votos favorables superou ao dos nons entre os socios de Cusoviame, non se acadaron os dous terzos que se necesitaban para a aprobación, como marcan os estatutos. Entre os preto de douscentos socios de Aira que asistiron á reunión houbo un maior apoio, xa que só se rexistraron cinco votos en contra e un número aínda menor de abstencións.

O presidente de Aira, Xosé Manuel López Tellado, recoñeceu que os promotores da fusión de ambas as cooperativas quedaron «un tanto decepcionados» polo resultado da asemblea e apuntou que a curto prazo parece difícil que esta iniciativa se vaia a expor de novo. No entanto, considera que «a xente ten que darse conta de que estes procesos son moi necesarios, porque temos experiencias negativas de crises graves no sector que non podemos resolver por ter unha dimensión suficiente nin capacidade de negociación».

Convenio previo

O pasado outubro, López Tellado e Alberto Rivera García ?presidente de Cusoviame? asinaron no municipio lucense de Taboada o convenio previo de fusión entre as cooperativas, o que foi sometido onte á aprobación dos socios. Aira naceu dunha fusión que integrou tamén ás cooperativas Icos, Cogasar, Agris e Coelplan, e reúne preto de 1.200 explotacións de vacún de leite. Pola súa banda, Cusoviame ?con sede en Teixeiro, Curtis? está integrada por preto de douscentos socios.

Se a fusión se aprobase, tería permitido a Aira estender a súa base de socios á provincia da Coruña e ampliar a súa actividade á zona de Curtis, que conta unha importante no sector lácteo. Aos socios de Cusoviame permitiríalles comercializar o leite a través do proxecto industrial de Dairylac, no que Aira é accionista maioritario.