A parroquia de Celas disporá dun centro de maiores de 150 metros

La Voz CULLEREDO

CULLEREDO

atr

O Concello levará a pleno o venres a modificación de usos urbanísticos

05 dic 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A parroquia de Celas contará cun centro para maiores, que se situará na parcela da antiga escola unitaria, actual centro social para asociacións. O Concello de Culleredo acordara esta actuación coa Comunidade de Montes en Man Común de Celas. Froito do acordo para a captación de auga dos seus mananciais, o goberno local comprometeuse a realizar un investimento de acordo coas súas proposta. E estas céntranse en dispor dunha instalación, sinxela pero suficiente para a atención aos maiores.

Para facelo realidade, o Concello leva a pleno o vindeiro venres a modificación de usos urbanísticos da parcela de cara a que poida albergar a instalación de maiores. En concreto, proponse cambiar o chan da parcela de equipamento docente a equipamento asistencial.

O Concello xa conta co proxecto, que recolle un único habitáculo, dunha soa planta, cunha superficie de 147 metros cadrados, máis un soportal de 20 metros cadrados. Situarase na fronte da AC-400, lindeira co centro social. No seu interior contará cunha gran sala polivalente, de 86 metros cadrados, unha sala de curas, baños, almacéns e un cuarto auxiliar.