Sergi Huguet achega vinte puntos á vitoria do filial sobre o Culleredo

La Voz

CULLEREDO

Cedida

Foi o máximo anotador, xunto con Nilo Barreiro

29 novs 2021 . Actualizado ás 20:18 h.

O Obradoiro Silleda dobregou con claridade ao Culleredo, 91-61, en partido correspondente á undécima xornada da Liga EBA. O conxunto de Denís Pombar dominou de principio a fin grazas, en boa medida, ao acerto no tiro exterior.

Sergi Huguet acabou con vinte puntos no seu haber, incluídos cinco triplos sobre nove intentos desde detrás da liña de 6,75 metros. Compartiu galóns de máximo anotador con Nilo Barreiro, que fixo un 4/11 na longa distancia. Foron tamén os dous xogadores máis valorados do partido, con 30 e 31 créditos, respectivamente.

O partido quedou virtualmente resolto ao descanso, cun marcador no que o Obradoiro Silleda sumaba xa máis do dobre de puntos que o seu rival: 45-22.

A partir de aí os locais levantaron o pé do acelerador, mantendo sempre unha ampla distancia no electrónico.

Esta fin de semana o filial enfrontarase ao Universidade de Valladolid a domicilio, o domingo ás 12.30 horas.

Primeira División Júnior

Na Primeira División Galega Júnior o Obradoiro Peleteiro é líder invicto despois de sete xornadas. En Fontecarmoa impúxose ao Sigaltec sen darlle opción en ningún momento: 41-92. Casades e Gil, con dezaoito puntos cada un, foron os principais anotadores do equipo.

En Primeira División Cadete enfrontáronse os dous equipos do Obradoiro na categoría, o Oca Hoteis fronte ao Balidea. A vitoria foi para os visitantes, 51-88, pero o partido non se resolveu ata a segunda metade. Ao descanso o marcador reflectía un axustado 26-29. Os mesmos contendentes volverán verse as caras este sábado no pavillón Lorenzo da Torre, na xornada de volta.