Rioboo recupera unha maioría que non se daba en Culleredo desde o 2003

Alfonso Andrade Lago
A. Lago A Coruña / LA VOZ

CULLEREDO

Investidura de José Ramón Rioboo en Culleredo.
Investidura de José Ramón Rioboo en Culleredo. Cedida

O rexedor, moi emocionado, apostou por unha «transformación urbana» do concello

16 jun 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O salón de plenos do Concello de Culleredo estaba a rebordar xa desde minutos antes das 12. O pleno de constitución da nova corporación e de investidura do alcalde trouxo moito público á Casa do Concello.

José Ramón Rioboo, candidato socialista, asumiu o bastón de mando, e fíxoo con maioría absoluta, 12 edís, unha situación que non se daba en Culleredo desde o 2003. A elección foi apoiada polos 12 concelleiros do Partido Socialista. Os grupos de PP e Alternativa, cada un con tres edís, votáronse a si mesmos. Os tres do BNG abstivéronse.

Rioboo recibiu o simbólico bastón de mando, visiblemente emocionado ante un sonoro aplauso do público asistente. Admitiu que sente «unha enorme responsabilidade» por encoméndaa maioritaria dos veciños. «Este apoio non se traducirá en ningunha clase de relaxación, senón que me inculcará un maior afán de superación e esforzo paraprocurar a excelencia para o noso Concello», dixo.

As palabras de Rioboo miraron na súa maioría cara ao futuro. Definiu como «moi ambicioso» o proxecto presentado pola súa candidatura para o municipio, con actuacións «de envergadura». Lembrou que nos seus 18 meses como alcalde xa se puxeron os «cimentos» para este plan ao iniciar moitos dos longos trámites que demanda a lexislación e que en breve será «unha realidade». Destacou a calidade de vida, o benestar, a transformación urbana, a promoción do rural e o apoio á mocidade como «prioridades inaprazables».