Culleredo, en busca da fortaleza perdida

Elena Silveira
Elena Silveira CULLEREDO

CULLEREDO

PACO RODRÍGUEZ

O municipio afronta poder reactivar o seu desenvolvemento nas primeiras eleccións sen Julio Sancristán

23 may 2019 . Actualizado ás 09:57 h.

Culleredo é un dos municipios máis importantes da área metropolitana coruñesa. E tamén, tras Arteixo e Oleiros, dos máis poboados. O maior crecemento produciuse a finais do século pasado (na década dos 80 e 90) e continúa facéndoo aínda que a un rimo máis discreto. Agora Culleredo enfróntase ao reto de adaptar os servizos e infraestruturas que no seu día foron pioneiros ás demandas e necesidades actuais así como a equiparar as prestacións que dispoñen os cidadáns do ámbito rural ás que gozan os dos núcleos urbanos.

O proxecto socialista iniciado hai 30 anos con Julio Sancristán desenvolveuse sen problema grazas a varias maiorías absolutas consecutivas. En todo caso, Sancristán viuse abocado a pactar con outros partidos de esquerda en varias ocasións e, tras as últimas eleccións locais, a gobernar con apoios puntuais doutros partidos na oposición. Aínda que sempre foi unha incógnita cando Julio Sancristán nomearía a un sucesor para preparar a súa substitución á fronte do PSOE e do Concello de Culleredo, foi significativo que José Ramón Rioboo, tras irse abruptamente das filas socialistas e estar un par de mandatos na oposición á fronte do grupo independente APdC (con moi bos resultados electorais) volvese integrarse no PSOE. Así, esa substitución finalmente produciuse a finais do 2018, no mes de novembro, cando Sancristán, abandonando a política activa, pasou a Rioboo o bastón de mando. Foi unha transición tranquila, na que o novo alcalde rematou e continuou proxectos que xa estaban en marcha, anunciando ao mesmo tempo novas ideas e pequenos cambios de rumbo. 

A vida municipal, en todo caso, non estivo exenta de polémicas durante estes últimos catro anos. Entre outras cuestións, o grupo da Marea Veciñal (apoio fundamental do PSOE para a aprobación dos asuntos importantes como os orzamentos), perdeu unha concelleira, que pasou a ser non adscrita, e tamén se fixo palpable o distanciamento con Oleiros (o partido de Ángel García Seoane ten tres concelleiros en Culleredo). Doutra banda, estreitouse a relación con Arteixo buscando unha solución para conectar as urbanizacións da Zapateira coa Coruña e impulsáronse proxectos que poñen en valor os recursos naturais do municipio, como os novos tramos do carril bici, ou de lecer, como os parques infantís.

Os candidatos á alcaldía expoñen as súas propostas