Raios galegos para a capitá Marvel

CULLEREDO

MARCOS MÍGUEZ

Efectos Made in Galicia. Este cullerdense achegou o seu gran a unha das armas máis coñecidas da aposta feminina de Marvel

16 abr 2019 . Actualizado ás 00:28 h.

A primeira película de Marvel con protagonista feminina está ambientada na década dos noventa, a mesma na que naceu a achega galega á cinta. Martín García Fernández (Culleredo, 1992) sumouse ao proxecto cun currículo de deseño gráfico realizado na coruñesa Escola Picasso e dous másteres de animación 3D e efectos especiais, que remitiu a Trixter. A súa formación halle permitido entrar nesta firma de efectos alemá con sede en Múnic á que Marvel non só confiou o seu último éxito senón tamén os proxectos de Capitán América, Iron Man 3 ou Os Vengadores. Martín entrou o pasado outubro no que é o seu primeiro traballo e fíxoo como controlador de renders (imaxes dixitais), cando a empresa xa estaba co filme Capitá Marvel

«Cheguei tarde á produción e moitas das escenas de efectos especiais xa estaban acabadas, puiden participar na que quedaba libre. Acheguei visualmente o meu granito de area», recoñece tirando de modestia e asegurando que só axudou nos raios dunha Capitá que se converteu na heroína máis recadadora da gran pantalla, por amais de Wonder Woman. «A produción comezou en maio do ano pasado e o efecto da man da protagonista empezouse desde o inicio, houbo moitas versións e en xaneiro chegouse ao que a Marvel gustáballe», precisa o novo deseñador, que se sente afortunado por estrearse laboralmente cun proxecto con tanta repercusión internacional.

Non se relacionou coa oscarizada Brie Larson, que dá vida á heroína dun filme con Samuel L. Jackson ou Jude Law na repartición, pero si contribuíu ao efecto dos raios que saen das súas mans, porque é capaz de voar e ten poderes para absorber e redirixir a enerxía.

Trixter traballa con series para Netflix, en produción audiovisual e no que este profesional resume como «efectos especiais puros e duros», que é o apartado no que quere centrar os seus esforzos. Recoñece que é un sector moi compartimentado no que hai traballo unicamente para especialistas. O seu obxectivo actual é aprender tanto na empresa como dos artistas cos que traballa e poder cambiar de departamento.

Está satisfeito e asegura que quere continuar na firma. «Estabamos nove españois á vez, chamábannos a spanish mafia», indica. «O sector está a crecer bastante, pero en España non acaba de despuntar, pero se estás disposto a moverche hai ofertas no Canadá, Alemaña ou Reino Unido», puntualiza. Co inglés como lingua vehicular deféndese en Alemaña polo momento, e co alemán admite que aínda está en proceso de aprendizaxe. «Estou contento e Galicia non é diferente en canto ao clima a Múnic», comenta desde a súa casa en Culleredo nun pequeno descanso.