Rouban datos persoais dunha autoescola en Culleredo

E. s. CULLEREDO / LA VOZ

CULLEREDO

Elena Silveira

Os ladróns levaron seis ordenadores, un televisor e as fichas e expedientes de todos os alumnos

13 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Será época do Nadal, pero os malfeitores non descansan en Culleredo. A última faena de fixérona a María José Santos, propietaria e profesora da autoescola Tráfico, situada en Acea de Ama (Culleredo). Segundo comenta, os ladróns romperon a semana pasada, probablemente durante a noite do mércores ao xoves, o cristal dunha porta traseira e entraron no seu local para levar seis ordenadores, unha televisión de 40 polgadas e todas as fichas e expedientes dos seus alumnos, gardados nun armario baixo chave e que contiñan datos persoais dos clientes. Tamén roubaron o libro de rexistro da autoescola, o que posiblemente obrigará a María José a pechar o seu negocio, xa que non pode tramitar novas matrículas sen ese documento. «Puxen a denuncia e veu a Policía Xudicial de Betanzos a tomar pegadas. Tamén envíe un correo electrónico á xefatura de Tráfico porque estou pendente de que decida se podo manter aberta a autoescola ou non», explica.

«Só para facer dano»

Cre que os ladróns entraron buscando diñeiro e, ao non atopalo, levaron as fichas dos alumnos e o libro de rexistro «só para facer dano, porque outra explicación non ten». De feito, deixaron o local esnaquizado, con mesas e cadeiras tiradas polas estancias. Mentres a situación se soluciona e consegue novos computadores, os seus clientes realizan todos os test obrigatorios nos seus domicilios, cando ata agora a metade podíanos facer nas instalacións da autoescola. «Por sorte teño outros tres ordenadores portátiles, que nunca deixo no local e levo en maletín, e que puxen a disposición dos dez alumnos que neste momento están matriculados para que poidan facer os exercicios», explica a afectada.