O Plan Único provincial destina tres millóns a renovar iluminacións

La Voz A Coruña / LA VOZ

CULLEREDO

cedida

Os 36 proxectos que se desenvolverán permitirán reducir a factura eléctrica dos municipios entre un 75 e un 90 %

28 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O Plan Único (POS+) da Deputación financia con tres millóns de euros un total de 36 proxectos de renovación de iluminación pública e mellora de eficiencia enerxética en varios concellos da provincia coruñesa. De feito, segundo confirmaron desde o Goberno provincial un total de 21 concellos optaron por incluír entre as obras do Plan Único proxectos orientados a modernizar as súas redes de iluminación, fundamentalmente mediante a substitución das antigas luminarias de vapor de sodio por outras de tecnoloxía led en espazos rurais e urbanos, o que contribúe a mellorar a calidade lumínica e a reducir significativamente a factura eléctrica e as emisións de dióxido de carbono, asociadas ao consumo eléctrico. O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou a importancia de que os gobernos locais aposten por este tipo de actuacións. De feito, segundo indicou, «cada un destes 36 proxectos permite reducir a factura eléctrica entre un 75 e un 90 %». O custo medio da factura eléctrica dos concellos supón sobre un 10 % do seu orzamento anual, «superando os gastos de persoal nalgúns casos», precisou. A esta situación contribúe «o imparable incremento do prezo da enerxía eléctrica en máis dun 100 % na última década», engadiu.

Ames, Arzúa, Betanzos, Camariñas, Cambre, A Capela, Coirós, A Coruña, Culleredo, Fisterra, Irixoa, Moeche, Muros, Narón, Ortigueira, O Pino, San Sadurniño, As Somozas, Valdoviño, Vilasantar e Vimianzo son os concellos da provincia que decidiron destinar parte dos fondos que lles achega o Plan Único da Deputación para realizar obras de mellora da súa rede de iluminación pública con investimentos que oscilan entre os 446.890,87 euros da Coruña ou os 375.805,47 euros de Culleredo e os 7.998,68 de Vilasantar. González Formoso destacou que os proxectos de mellora de eficiencia enerxética do POS+ «son rendibles a nivel económico, social e ambiental» e esténdese desde contornas claramente urbanas como a cidade da Coruña (modernización enerxética do barrio do Castrillón) ou Milladoiro (Ames), que concentra a metade da poboación do municipio, a pequenos núcleos rurais de Irixoa, Coirós, As Somozas ou Vilasantar.

Estes 36 proxectos forman parte das 1.146 obras de mellora de infraestruturas que, cun investimento histórico de 182 millóns de euros no bienio 2017-2018, financia o Plan Único (POS+) nos 93 concellos da provincia coruñesa.

Concretamente, en Betanzos realizarase a mellora da eficiencia enerxética da rúa Venezuela; en Cambre, instalarase iluminación led no parque F. Rodríguez e na rúa Constitución; en Coirós farase a mellora da rede de iluminación pública en Combarro, Casal, Loureiros, Anta e Recebés; na cidade da Coruña corrixiranse as deficiencias nos distritos 1 a 5 e modernizarase a rede do barrio do Castrillón. Ademais, en Culleredo abordaranse melloras en Conces de Andrade e Vigovidin, a urbanización Augas Mansas e Santa Gema, así como reposición de columnas e iluminación no paseo Fernando II. No municipio de Irixoa abordaranse obras en Airavella e, en Vilasantar, faranse melloras no cruzamento de Sesmonde.