«Un alcalde debe ser, vivir e querer ao seu concello. E eu fágoo»

Elena Silveira
Elena Silveira CULLEREDO / LA VOZ

CULLEREDO

CESAR QUIAN

O socialista cumpriu un ano como rexedor tras a marcha de Sancristán. Di que o seu reto será lograr de novo a maioría

17 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Hai un ano que José Ramón Rioboo Castro (Almeiras, 1972) accedeu á alcaldía de Culleredo. O seu antecesor e mentor, Julio Sancristán, xubilouse deixando tras de si un denso legado socialista pero tamén un goberno en minoría que consegue sacar adiante os proxectos importantes para o municipio grazas ao apoio puntual de Cidadáns e a Marea Veciñal. A pesar das dificultades, Rioboo defende a xestión do seu equipo e agarda quitarse «a espinita» da minoría nas próximas eleccións municipais.

-É novato na alcaldía, pero coñece ben as reviravoltas do Concello.

-O funcionamento do Concello, sen dúbida, non é algo novo para min. Durante 15 anos traballei como funcionario laboral e coñezo ben cada departamento. Entrar no goberno local e estar ao lado de Julio Sancristán foi moi positivo porque me fixeron máis maduro na xestión do público. Un alcalde debe ser, vivir e querer ao seu concello e eu creo que reúno esas tres condiciones. A miña paixón, despois da miña familia, é Culleredo. Niso Julio é moi parecido a min e foi o que nos volveu unir.

-Como valora este primeiro ano na alcaldía?

-De forma moi positiva. Teño un grupo moi cohesionado no que cada un asume a súa responsabilidade perfectamente, con experiencia e autonomía. Eu fago labor de coordinación e interveño para tomar decisións finais, pero estou plenamente satisfeito co meu grupo, aínda que evidentemente ambiciono máis cousas para o meu municipio.

-Cales son eses retos?

-Salvar os escollos para sacar adiante o PGOM ou, por exemplo, crear un observatorio do rural centrado en potenciar esta contorna. É necesario vertebrar o municipio para que a marca Culleredo cale na sociedade. Así, o meu gran reto é que os veciños se sintan orgullosos de vivir aquí.

-E cal foi a besta negra na súa xestión durante este ano?

-A gran «espinita» que adoitan ter os xestores públicos é non contar coa suma necesaria nun goberno. É difícil gobernar sen maioría absoluta. En todo caso nós estamos nunha situación óptima porque Cidadáns e Marea teñen claro que deben traballar polos intereses dos veciños, ao contrario que otos grupos que só entorpecen e enlaman o terreo para que as cousas non saian adiante. Aprobamos as contas municipais en abril e, aínda así, en só seis meses tramitamos máis contratacións que nunca: estamos a piques de cumprir o 95 % dos orzamentos, tanto en obra como en servizos.

-As eleccións están a vólvaa da esquina. Xa están a traballar na lista, no programa?

-Somos un partido nacional coas datas marcadas e tomaremos as decisións cando toquen. En Culleredo será complicado, porque hai un gran equipo de goberno. Pero haberá que introducir novas figuras para que continúen co ronsel marcado. Pero bo, aínda non penso na última fin de semana de maio...

-Podería prexudicar ao PSOE a atomización de partidos que existe en Culleredo?

-Non o creo. Non o fixo nas eleccións pasadas: conseguimos nove edís sobre os 11 que sería a maioría. O PSOE sigue sendo o principal referente en Culleredo e os cidadáns terán que valorar se queren un goberno con maioría suficiente ou non. Creo que estamos nun gran momento para o partido, co PSOE na Deputación, en Madrid e, deica pouco, tamén na Xunta... E Culleredo terá que estar aí.

-Pide consello a Sancristán?

-Sempre que o chamo cólleme. El debería ter as portas do Concello sempre abertas e ser escoitado. A súa opinión é experiencia.

«O meu partido debe facer un xesto coa ría do Burgo»

As últimas polémicas sobre a xestión metropolitana reflectiron nos medios de comunicación certo distanciamento entre os alcaldes.

-A sensación que se percibe é que a unión entre os concellos hase debilitado.

-Pois a miña sensación, polo menos nas reunións, é que seguimos unidos e sempre chegamos a acordos. Outra cousa é que algúns lancen mensaxes de posicionamentos diferentes por intereses políticos.

-Refírese ao alcalde de Oleiros?

-El é o primeiro ente discordante. O caso é que nas reunións hai unión pero despois dinse cousas publicamente diferentes para poder sacar réditos políticos. Cada un xestiona un concello como quere, pero eu teño claro que non farei cousas para prexudicar ao municipio de ao lado. Só terá a miña oposición se prexudica aos meus veciños.

-Que lle parece que o Goberno central pida agora aos concellos que acheguen fondos para dragar a ría do Burgo?

-Aínda que pertenzo ao PSOE, a miña responsabilidade é defender os intereses dos meus veciños. O meu partido debe facer un xesto coa ría do Burgo para que se xere unha contorna limpa e de calidade. Os concellos xa fixeron os deberes, polo menos Culleredo, e agora terán que buscar eles o financiamento necesario.

-Que ve cando pasea por Culleredo?

-Vexo o bo e o malo. Apunto as cousas que non me gustan e fago autocrítica. Na miña última etapa profesional era todo moito máis rápido, pero na Administración vai todo moito máis lento do que uno espera, e máis cos cambios que se produciron na lei de contratos, porque perdemos inmediatez. O diñeiro público hai que xestionalo coa máxima eficiencia e nós, polo menos o máis urxente, tramitámolo coa maior celeridade posible.