Conmoción no deporte galego pola repentina morte de Vicente Torres aos 62 anos

DEPORTES

Presidente da federación galega de patinaxe era o pai do capitán do Deportivo Liceo, Dava

25 oct 2021 . Actualizado ás 10:47 h.

O deporte galego amenceu este domingo con dor. Un dos seus grandes mecenas dixo adeus esta madrugada sen avisar. Vicente Torres morreu de forma repentina, aos 62 anos cando se atopaba en Barcelona para asistir, pola mañá ao partido de hockey sobre patíns que enfronta ao Barcelona e ao Deportivo Liceo da Coruña; e pola tarde ao clásico do fútbol español.

Presidente da federación galega de patinaxe e fundador da empresa de embalaxe Cubicaje, entre outras, a súa figura no deporte galego vai máis aló do hockey sobre patíns. Durante anos, unha das súas afeccións foi exercer de mecenas de deportistas e equipos con necesidades. «Son dos que pensan que  hai que reinvestir na sociedade parte do que esta che deu. Os negocios vanme moi ben e, mentres sexa así, tratarei de destinar parte dos meus beneficios en axudar a deportistas e clubs da nosa contorna», non se cansaba de repetir. A cambio, non pedía publicidade, só unha cousa: «Aquel a o que axudo, debe mandarme unha foto dedicada. É a miña recompensa», presumía.

Fútbol sala, taekuondo, fútbol... Diferentes foron as disciplinas coas que colaborou. Pero, principalmente, tiña unha debilidade: o hockey sobre patíns. Foi a afección que lle inculcaron os seus fillos, Tito e Dava. Os dous practicantes desta modalidade. O pequeno é na actualidade o capitán do Deportivo Liceo. 

Indo ver xogar aos seus fillos, comezou a gravar os primeiros partidos de hockey. Cada semana nun pavillón e despois de moitas horas de atril e cámara en man, a súa mente, sempre activa, levoulle a trasladar eses vídeos a unha páxina web. Foi o xerme de Hockey Global, hoxe en día referente a nivel internacional deste deporte. 

Antes do partido que enfronta ao Barcelona e ao Liceo, no que Dava causou lóxica baixa, gardouse un minuto de silencio pola morte de Vicente Torres.