Citic e Concello da Coruña colaboran para deseñar un mapa de zonas de baixas emisións na cidade

a voz A Coruña

A Coruña CIDADE

O goberno local avanza que se creará un novo centro de xestión da mobilidade en que integrar dixitalmente todos os procesos

04 ago 2021 . Actualizado ás 18:39 h.

O Concello da Coruña e o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña, Citic, traballarán conxuntamente no deseño, desenvolvemento e implantación de Zonas de Baixas Emisións, ZBE, e na dixitalización da mobilidade da cidade. Esta iniciativa foi anunciada este mércores polo concelleiro de Urbanismo e Mobilidade, Juan Díaz Villoslada, tras a firma dunha declaración de intencións co director do Citic, Manuel González Penedo, nun acto que tivo lugar no centro de investigación no campus de Elviña. Ambos os proxectos serán presentados para optar aos fondos Next Generation.

«O obxectivo do goberno local é pór en marcha un proxecto integrador e global que abarcará todos os procesos para xestionar, impulsar e acelerar a transición cara a unha mobilidade sostible segura inherente á instauración da Cidade 30 como marco urbano en que se poidan cumprir cos obxectivos do desenvolvemento sostible», dixo o edil, que lembrou que os cambios nas velocidades nas vías urbanas e travesías teñen como obxectivo acadar unha mobilidade máis saudable e sostible, xa que permiten mellorar a calidade do aire ao emitirse menos gases. Villoslada sinalou que a dixitalización dos sistemas de xestión do tráfico e a aplicación das últimas tecnoloxías permitirá que a mobilidade das persoas e as mercancías sexa máis eficiente. Crearase un novo centro de xestión da mobilidade en que integrar dixitalmente todos os procesos. Con isto, apuntou, búscase saber como se utiliza o espazo público, a carga e descarga, os túneles ou o ciclo semafórico. «Ademais, queremos poñer en marcha un plan de establecemento de Zonas de Baixas Emisións para cumprir as directrices que marcarán a nova lei de cambio climático», engadiu.

Pola súa banda, Manuel González Penedo apuntou que desde o Citic están a disposición do Concello, así como de toda a cidadanía, para pór ao alcance da sociedade as súas capacidades. «Esta é unha gran oportunidade para contribuír desde o Citic, como socio tecnolóxico do Concello, a situar A Coruña como unha cidade máis verde e dixital, achegando a nosa experiencia no ámbito da intelixencia artificial», dixo. Villoslada lembrou que desde a Concellaría de Medio Ambiente está a traballarse para pór en marcha os medios necesarios para a avaliación da calidade ambiental ligada á futura creación de Zona de Baixas Emisións, que se propón levar a cabo en dous aneis, o exterior na rolda de Outeiro. A día de hoxe, o Concello dispón dunha rede moi ampla de estacións de calidade do aire cuxos datos permitirán monitorizar o estado da cidade co obxecto de conformar unha primeira zona, onde se dará un seguimento máis intenso, e unha segunda, no exterior na rolda de Outeiro, segundo marcan as liñas estratéxicas da Unión Europea.

O Concello conta cunha rede de control de contaminación acústica con dez localizacións ao longo da cidade. Todo iso xunto co convenio coa Aemet, o mapa de ruídos e outros mecanismos de análises facilitarán a obtención dun inventario de emisións real e actualizado.