Eles e Deneb, a foca da Casa dos Peixes da Coruña, xa teñen 18

A Coruña CIDADE

MARCOS MÍGUEZ

É o primeiro exemplar que chega á maioría de idade dos nados no museo-acuario coruñés

10 jul 2021 . Actualizado ás 10:09 h.

Na foto hai un mamífero que non fixo a selectividade. Chámase Deneb, é un macho e naceu na Casa dos Peixes da Coruña o 2 de xullo do 2003. É o primeiro exemplar que chega á maioría de idade dos nados no museo-acuario coruñés. Hai outro, Altair, que é do día 8, pero non quixo saír na foto. Os dous mozos da imaxe tamén están de aniversario estes días. Sara Amelia Rey Leal naceu o 5 de xullo, e Eduardo de Carricarte Pérez, o 8. Ambos no 2003. Tanto eles como a foca xa son maiores de idade. Pedinlles que posasen co exemplar e foron encantados. Vivírono como unha experiencia única o poder estar ao lado destes animais preciosos durante uns minutos. Os tres da imaxe xa teñen 18. 

NACEMENTOS NO VERÁN

O feito de que a maioría de focas do acuario nazan en xullo non é casualidade. «Cando quedan preñadas atrasan o implante do embrión no útero para que as súas crías veñan ao mundo na época na que máis posibilidades teñen de saír adiante, que no caso de Galicia é no verán. Contando ese período de retardo, a xestación é duns once meses», explica o biólogo do acuario Carlos García, co que aproveitei para falar con motivo da reportaxe. Cóntame que hai varias especies no planeta e que esta, a Vitulina vitulina, máis coñecida como foca do porto ou común, reprodúcese con moita facilidade en catividade. «A nivel mundial é a que máis hai. Non está para nada en vías de extinción. Abunda no Báltico, no mar do Norte ou no Pacífico. Hai colonias de case medio millón de exemplares e, un dato curioso, non hai unha igual a outra. As súas manchas na pel son como a nosa pegada dactilar. De feito, é o xeito que temos nós de recoñecelas», explica. 

Os MACHOS E As FEMIAS

Ségueme contando cousas destes animais que son parte da gran oferta do acuario, incluída na rede de Museos Científicos Coruñeses. «Aliméntanse tres veces ao día de caballa, arenque e espadín, que é un peixe do tamaño da parrochita. Adáptanse moi ben á catividade e é importante que se renove a auga. Ten que ser de boa calidade para que non collan infeccións nos ollos ou os oídos. É curioso, as crías desta especie non nacen de cor branca porque non viven en lugares xeados onde esa cor é un mecanismo de defensa. Xusto antes de nacer mudan e saen grises», explica o experto. Elas viven máis. As femias ata os 35 ou 36 anos e os machos non adoitan acadar a trintena. É dicir, a foca da fotografía xa é un veterano que pasou o ecuador da súa existencia. Sara Amelia e Eduardo, con todo, teñen todo o futuro por diante. A universidade, novos amigos, probas que superar, e cantidade de aventuras por vivir, como ir fotografarse cunha foca no momento en que saíu a comer.