Os xinetes do toque de queda na Coruña

A Coruña CIDADE

Decenas de «riders», a gran maioría de Venezuela, fornecen de comida aos fogares coruñeses

09 may 2021 . Actualizado ás 10:39 h.

«Son as once da noite. A pesar do toque de queda, o servizo a domicilio segue adiante. Unha hora máis, o tempo do último pedido. Néstor está canso pero un último pedido non lle viría nada mal para pechar o día. (…). Sobe á súa moto. Riders chámanos, para darlle un toque de exotismo, talvez. Pero Néstor é simplemente un home». Cóntao con voz de tango Dimitri Papanikas no café do sur, o seu programa semanal de radio. Néstor era avogado en Venezuela.

«Daquela o shock: un pedido perdeuse no camiño. Desde a central da multinacional con sede en Madrid acaban de avisarlle ao cliente que unha incidencia imposibilita a entrega da súa hamburguesa. O motorista que transportaba o paquete acaba de falecer tras chocarse cun camión do lixo. Pero iso non llo contan ao cliente (...) O 7 de febreiro Néstor Alexánder Pérez, venezolano, 48 anos, fillo da diáspora dun mundo con pouca piedade marchábase para sempre nun cruzamento de rúas de Madrid», conclúe o locutor.

John, tamén venezolano de 48 anos, e a súa parella -«ela era avogada nun dos bufetes máis importantes de Venezuela»- reparten comida a domicilio na Coruña. «Gústame conducir», explica el. A ela gústalle a tarefa.

Na rúa Federico Tapia un repartidor conta, mentres agarda para recoller un pedido, que o seu horario é «24-7, as 24 horas, os sete días da semana». Leva uns dous anos facéndoo. «Pero se quere atopalos a todos, vaia á Grela, alí reúnense», aconsella.

E alí están: un venres pouco antes das dez da noite, na contorna do McDonald's do polígono hai numerosos repartidores. «Podemos chegar a estar 60», apunta John. Un espectáculo. A cola de coches chega ata máis aló da rotonda e non só son particulares senón que hai algúns repartidores que fan as entregas en coche.

Aínda que as motos seguen sendo maioría, hai riders que van en bicicleta [na Praza de Pontevedra ou ao final de Juan Flórez é posible ver algún] e mesmo en monopatín. Este último é usado por polo menos unha muller. Elas empezan a estar presentes entre os repartidores aínda que de forma moi puntual. 

En varias plataformas

Janjer Vasques é novo, leva poucas semanas traballando. Explica o proceso mostrando o seu teléfono pegado ao seu antebrazo esquerdo: «Salta o pedido, aquí en Severo Ochoa e acéptalo. Retiras o pedido cando estea listo e entrégalo. O tempo de entrega é de 30 minutos máximo pero tes que facelo máis rápido para que che poida entrar outro». Con iso, «a media nunha hora punta son 8 ou 9 euros, ou 6 euros, depende do día. Non hai unha cota fixa por pedido: depende da distancia á que esteas».

A Grela ten outro punto de encontro destes repartidores de comida a domicilio que é Marineda, onde varios restaurantes serven comida a domicilio. Tamén na contorna do Goiko, na rúa Rubine concéntranse estes profesionais que nalgunhas datas especiais ven como se multiplica a demanda: «O día da nai fixen 14 entregas na noite, que é moito», comenta John, un experto xa que traballou para Amazon en Madrid facendo bloques», reparticións programadas para unha fin de semana e que poden ser «de tres a 25 0 30 entregas. E tiñas que estar atento porque che avisaban o día antes ás veces a medianoite».

Outro dos mensaxeiros afincado na cidade era profesor en Venezuela. Logo estivo nun país suramericano e acabou na Coruña onde, asegura, «non che deixan morrer de fame». Este mes os telexornais mostraron algúns riders, coas súas grandes mochilas, nas chamadas colas da fame de Barcelona e Madrid.

John calcula que agora fai uns 300 pedidos ao mes. É empregado dunha plataforma pero tamén traballa para outras. Fano todos porque, explica Vasques, «a maioría son autónomos e cunha soa conta non compensa para o pagamento da cota».

Os que se van incorporando a esta tarefa poden empezar a gañar entre 400 ou 500 euros ao mes pero todos insisten en que é un traballo que tería que estar «moito mellor pago». A proba é, comenta un deles, «que se me vou ao paro cobro 400 euros ao mes». Outro apunta que en Glovo «se chove danche un bono».

A nova lei, aprobada fai unhas semanas, obriga ás empresas a contratalos pero está aínda empezando a aplicarse «e aos máis novos non lles interesa porque no primeiro ano pagan menos de autónomos», recoñece un deles. 

Aumento coa pandemia

A pandemia provocou un notable aumento destes mensaxeiros na Coruña. Eles estiveron aí nos momentos máis duros: cando eran os únicos que se movían polas rúas baleiras. Un exemplo é que a plataforma Just Eat non chegaba aos 20 riders e agora está entre os 70 e 80 aínda que co levantamento do toque de queda e a chegada do verán auguran unha baixada da demanda.

Na esquina da Praza de Galicia, un repartidor garda o pedido na moto. É de Glovo. Ao seu lado outra moto de Just Eat cuxo dono chega correndo. A pesar do toque de queda «temos permiso para traballar ata as doce da noite», explica o primeiro. Mesmo durante o peche perimetral «viña desde Betanzos, que é onde vivo». Non é o único que vive fóra da cidade. Antes de arrincar confirma o que se intúe polo seu acento: venezolano. De todos os xeitos, aseguran que non son os únicos e como proba mencionan a un coreano, outro xinete do toque de queda.