Un 600 paga como un Hummer

Alfonso Andrade Lago
Alfonso Andrade CRÓNICAS CORUÑESAS

A Coruña CIDADE

MARCOS MÍGUEZ

O Goberno quere instalar nos parquímetros un sistema que pola matrícula identifique o modelo do coche e, xa que logo, as súas medidas

08 may 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Este titular, ou outro parecido, poderiamos chegar a lelo pronto en La Voz de Galicia: «Aparca un 600 e cóbranlle como por un Hummer». Alguén chegará a Catro Camiños no seu pequeno utilitario, estacionará na praza, pagará a ORA coa aplicación do móbil e pasaranlle o cargo correspondente a unha limusina. Por exemplo.

O Goberno quere instalar nos parquímetros un sistema que pola matrícula identifique o modelo do coche e, xa que logo, as súas medidas. En función da lonxitude, a altura e a anchura, o usuario pagará máis ou menos por aparcar. E a intención do lexislador está clara: sablear aos condutores de vehículos grandes.

Pero ao dispositivo saltaranlle os chips antes ou despois, como a case todo o que ten que ver coa tecnoloxía, e ao incauto propietario dun Mini (dos antigos) vanlle pasar a factura dun Panzer da Segunda Guerra Mundial con remolque para o morteiro, e váiselle a quedar cara de bobo e un cabreo xordo que lle pode custar o matrimonio e un subidón de ácido úrico.

Tampouco se explica moi ben que nos queiran cobrar pola altura do coche. Primeiro, porque non resta espazo aos demais usuarios. E segundo, porque se o dispositivo do parquímetro le a matrícula dun Smart e confirma as súas medidas, xa pode levar amais , como maleteiro, a carroza do rei Melchor, que o custo do aparcadoiro non vai variar.

E que pasará naqueles sitios nos que a ORA non funciona con parquímetro? Por exemplo, Ferrol, onde hai que deixar un papelito no parabrisas no que se precisa a hora de chegada. Pois o mesmo, a fiarse do papel: «O meu coche mide medio metro, é chato como unha nécora e plano como un folio dos cutres. Saín a pasear, volvo enseguida. Grazas».