O tempo na Coruña: Do sol do sábado ás choivas e o frío do domingo

T. R. A Coruña

A Coruña CIDADE

Anxo Manso

As temperaturas, que roldarán por momentos os 20º o venres e o sábado, descenderán de xeito acusado o domingo

07 may 2021 . Actualizado ás 13:57 h.

Maio anda raro, polo menos meteorológicamente falando. E é que nunha soa fin de semana haberá todo tipo de tempo na Coruña e a súa área de influencia. Nubes, sol, fresco e mesmo choiva.  

Venres

Este venres arrincou con temperaturas agradables e así se prevé que continúe toda a xornada. As nubes que á primeira hora da mañá cubrían por completo o ceo han ir a menos co paso das horas deixando ver o azul do ceo e algún que outro raio de sol. O mercurio roldará os 20º a partir da tarde e o vento será frouxo e de compoñente sur. 

Sábado

O sábado será o día perfecto para os plans ao aire libre, xa que ademais de temperaturas agradables -moveranse entre os 14º e 20º- o ceo lucirá despexado a maior parte da xornada. «A última hora si que aumentarán a nebulosidade, pero gran parte do día imos ter ceos despexados», sinala Ana Lage, de Meteogalicia

Domingo

Co fin do toque de queda, chegarán as choivas. A fronte asociada a unha profunda borrasca vai pasar durante a noite, polo que se agarda choiva forte durante a madrugada. Ao longo do domingo haberá chuvascos intermitentes, algúns mesmo serán de carácter tormentoso, pero tamén haberá momentos de apertura de claros. Pero a gran diferenza respecto da xornada anterior estará nas temperaturas, que rexistrarán un descenso moi acusado que virá para quedar

A próxima semana

Galicia quedará baixo a influencia das baixas presións, polo que tocará convivir coa choiva polo menos durante a primeira metade da semana.