A Deputación da Coruña apoia con case 3 millóns a actividade de 215 entidades sociais

La Voz

A Coruña CIDADE

TORRECILLA

Valentín González Formoso visitou o complexo de Aspace en Sada, unha das entidades que conta co apoio da institución e que dá servizo a 115 persoas con parálise cerebral

26 abr 2021 . Actualizado ás 22:53 h.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou este luns a sede da Asociación Pais e Nais e Nenos con Parálise Cerebral de (Aspace) en Sada, acompañado do presidente da entidade, Antolín Rodríguez, da xerente Sonia Ruiz e outros membros da xunta directiva. O complexo situado en Osedo conta con máis de 3.500 metros cadrados nos que se sitúan un centro educativo, un centro de día e servizo de residencia, comedor e atención temperá que dan servizo a 115 usuarios da área coruñesa. Pola súa banda, a xerente de Aspace, Sonia Ruiz, recoñeceu o apoio da institución provincial en temas de formación, terapias e investimentos necesarios para mellorar o centro. «Medramos moito nos últimos anos grazas a estes apoios», dixo.

González Formoso interesouse polo funcionamento dos programas de rehabilitación, formación, estimulación e apoio que Aspace ofrece ás persoas con parálise cerebral e as súas familias, dos que algúns contan con apoio da Deputación a través das liñas de subvencións a entidades sociais. Tamén visitou o comedor do centro de día, cuxas obras de mellora foron finalizadas recentemente e contaron co respaldo económico da área de Benestar Social da entidade provincial.

González Formoso indicou que a Deputación reforzou este ano todos os seus programas sociais «para facer fronte ás consecuencias da pandemia e non deixar a ninguén atrás na saída da crise» e puntualizou que os programas de apoio a entidades sociais, que contan cun orzamento próximo aos 3 millóns, «chegarán a 215 asociacións de toda a provincia que, como Aspace, desenvolven un traballo fundamental no apoio e integración social dos colectivos máis vulnerables ou con necesidades especiais e contribúen a mellorar a vida diaria de miles de persoas».

Entre os beneficiarios destas axudas provinciais atópanse o Comité Cidadán Anti-sida da Coruña, Adaceco, Apem, UDP, Down Coruña, Cociña Económica, as Escolas Populares Gratuítas, Sor Eusebia, Pai Rubinos ou as Residencia García Irmáns, entre outras institucións.