O covid segue levándose vidas na Coruña: morren dúas persoas no Chuac, e xa van 581

E.M., M.C. A Coruña

A Coruña CIDADE

MARCOS MÍGUEZ

Hai oito persoas nas unidades de coidados intensivos

18 abr 2021 . Actualizado ás 21:23 h.

O covid segue cobrándose vidas na área sanitaria da Coruña. O último parte informativo da Consellería de Sanidade, difundido a última hora da tarde deste domingo, recolle o falecemento de dúas persoas esta fin de semana no hospital coruñés. Un home de 84 anos diagnosticado de SARS-CoV-2 e doutras patoloxías anteriores ao contaxio morreu o sábado no Chuac e 24 horas despois falecía unha muller de 86, afectada tamén de trastornos previos. Con eles xa son 581 persoas as vítimas mortais do coronavirus na área sanitaria desde o principio da pandemia.

Segundo os datos difundidos este domingo pola Consellería de Sanidade, a área sanitaria da Coruña e Cee reflectiu un incremento de casos e da presión hospitalaria .

O balance reflicte que os casos activos se han incrementando en 24 horas en 45, ata os 673 (+45). Este crecemento na área sanitaria A Coruña-Cee prodúcese coincidindo cunha baixada no número de alta, xa que só se concederon 5 fronte ás 28 do día anterior.

 En canto á presión hospitalaria, a área sanitaria da Coruña e Cee presenta 62 ingresados (+2), dos que oito están en coidados intensivos (sen cambios).

Por hospitais

No Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (CHUAC) os sanitarios atenden a 56 persoas, un paciente máis que o sábado. Deles, 6 están na unidade de intensivos, os mesmo que a xornada anterior, e 50 están pasando a enfermidade en planta.

No hospital HM Modelo non se rexistraron cambios con respecto ao sábado. Así, neste centro médico coruñés están ingresados catro pacientes, dous deles na uci, e outros dous en planta. No Hospital Virxe da Xunqueira de Cee, tampouco se rexistraron novidades. Así, neste centro da Costa da Morte continúa ingresado un paciente, e está a ser atendido en planta. Si que houbo cambios no Quirón. Neste centro sanitario non había ningún enfermo afectado polo covid-19. Pero onte tivo que ser ingresada unha persoa.

Ademais, nos seus domicilios, asintomáticos ou con síntomas moi leves da enfermidade atópanse illados e pasando a corentena 611 pacientes