O bosque, o tesouro galego

A Coruña CIDADE

Martina Miser

18 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Aos meus alumnos, antes na Universidade da Coruña, e agora en Cesuga, sempre lles dixen que, en certo xeito, somos como surfeiras Eliximos o mar? Non Alteramos a onda? Non Que facemos? Observamos o horizonte, visualizamos a onda e pensamos como cabalgala. Así de difícil e así de sinxelo. Observar, visualizar, e despois elixir como cabalgar. E a partir de aquí, cada un coa súa experiencia e coñecemento.

O presidente Sánchez, este martes, afirmou que España se encamiña á maior reconversión dos últimos corenta anos. Obviamente, no seu discurso, existe un punto teatral. Se cadra esquece que en 1980 utilizabamos máquinas de escribir, teléfonos fixos e os correos ían por carta. É dicir, desde 1980 ata finais do século XX vivimos a terceira revolución industrial, a das tecnoloxías da información. En 1989, na USC, para facer procuras bibliográficas por Internet, había que pedir cita e xustificala. Corenta anos son moitos anos. Hai que vender. Pero, sacada a pátina de teatralidad de Sánchez, o certo é que nos agardan cambios moi importantes. Estamos nun deses momentos nos que hai que coller aire, sentarse na area e observar, e volver observar, visualizar a onda, que está lonxe, pero que se move moi rápido, e lanzarse a por ela. Porque se non o facemos, romperá nas nosas cabezas. Non o dubiden.

Cada onda é unha oportunidade, e unha inmensa está a piques de chegar a cada recuncho de Galicia: a loita contra as emisións de carbono. Aínda que aquí habemos de falar tanto de redución como de captación. O primeiro vai ser, en gran medida, unha loita individual dentro dun novo marco regulatorio, cada empresa consigo mesma. Pero a captación, o secuestro do carbono, será unha acción social colexiada, en consecuencia, requirirá de decisións administrativas, que auguro, coñecendo ao vicepresidente Conde e ao conselleiro de Medio Rural, José González, serán de calado e ambiciosas. E estas han de levar aos grandes secuestradores do mundo, as masas forestais.

Tres datos. Primeiro: os grandes captadores de carbono son os bosques. Eles amortecen os nosos desastres ambientais. Segundo: os produtos de madeira compensan menos do 1 % das emisións mundiais de carbono, pero en Galicia esta cociente pode chegar ao 30 %. Terceiro: a ONU só permite que os países conten o carbono almacenado nos produtos de madeira creados a partir de colleitas nacionais. Xa que logo, nós, e non outros, temos dúas cousas, bosques e industria forestal, captación e almacenaxe. E estes han de escribir o seu futuro en letras maiúsculas Onde quero chegar? En primeiro lugar, a que as masas forestais, cando son capaces de secuestrar grandes cantidades de carbono, han de discriminarse positivamente. É dicir, se cobramos impostos por emitir carbono, habemos de pagar por almacenalo Sorprende ? Portugal xa está niso. E algo máis, se vendemos madeira habemos de intentar non exportala en bruto, senón recolocala en Galicia, a través da creación de novos produtos e demandantes. Penso, por exemplo, en madeira laminada cruzada ou en industrializar a construción mesturando madeira con materiais tradicionais, como o formigón. E penso en madeira de Galicia. Non hai outra. Isto non vai de comprar un bosque no Amazonas e usar a súa captación para nivelar as nosas emisións. Esta película ten un actor principal e chámase bosque de Galicia. E por certo, aquí o eucalipto ha de ser secundario e non por nada, meras esixencias do guion.