Coruña infinita

Luís Pousa Rodríguez
Luís Pousa CRÓNICAS CORUÑESAS

A Coruña CIDADE

PACO RODRÍGUEZ

O problema de reducir A Coruña a un slogan é que esta cidade non cabe nun lema turístico

02 mares 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O problema de reducir A Coruña a un slogan é que esta cidade non cabe nun lema turístico. Ti tratas de meter A Coruña nunha frase e, por moi enxeñosa que sexa, séntesche como cando tes que subirche amais da maleta para pechala porque se saen as camisas por fóra. A Coruña é xusto esa manga que asoma polos bordos cando che pos de xeonllos sobre ela e a cremallera non acaba de pechar.

Por iso ningún slogan rematou de triunfar. Nin aquel de principios do século XX que presumía de «clima ideal» nin sequera esoutro que promocionou nos sesenta «a cidade onde ninguén é forasteiro». Nos sesenta producíronse moitos bums: o bum turístico, no que quería pescar o Concello coa súa hospitalaria invitación, o bum da construción, que encheu A Coruña de edificios moi feos e moi altos, e mesmo o baby boom, que encheu eses edificios de pequenos coruñeses, que non eran tan feos, pero si algo máis altos.

Viñeron logo o de «balcón do Atlántico» ou «A Coruña, gústame», pero xa case nin nos acordamos de que esas frases pasaron polas nosas vidas. Agora creo que o lema oficial é «A Coruña sempre aberta», que non está mal, pero soa un pouco a tenda 24 horas.

Andaba eu rumiando estas cousas cando me dei de bruzos, en plena rúa, co mellor slogan de todos os tempos. Vino nunha desas máquinas varredoras que deixan relucentes as beirarrúas á primeira hora da mañá. Alí estaba, ao fin, «Coruña infinita», unha frase á altura dunha cidade que non se acaba nunca. E pareceume moi lóxico que fosen os sabios barrenderos municipais, que coñecen A Coruña palmo a palmo, quen atopasen o adxectivo que ninguén soubo ver.