Para evitar a variante inglesa, máis contaxiosa e prevalente na área, «hai que facer o de sempre, pero ben: máscara, distancia social e hixiene», advirten desde o Chuac

R. Domínguez

A variante británica do SARS-CoV-2, o virus que provoca o covid-19, é xa a máis prevalente en Galicia e, de forma especial, na área sanitaria da Coruña e Cee. O laboratorio de microbioloxía do Chuac constatou, en contacto cos do resto da comunidade galega, que na actualidade xa está detrás do 69 % dos casos de toda a comunidade, pero ata do 88 % dos detectados nas últimas semanas na demarcación coruñesa. «Aquí vémola máis que no Chuvi, o Chop ou o HULA», subliña Germán Bou, responsable do servizo en alusión ao impacto dunha cepa que, ademais, «é claramente máis contaxiosa».

Estudos iniciais apuntaron que a súa capacidade de infectar era ata un 70 % superior á do virus orixinal de Wuhan, aínda que novas investigacións, aínda pendentes de probas moleculares, indican que sería de entre o 30 e o 50 %. Por que? «Polas súas mutacións entra con máis facilidade nas células humanas», resume o especialista.

Chave de entrada

A secuenciación xenética permitiu identificar nesta cepa ata 17 mutacións, e sete delas teñen que ver coa proteína espiga da superficie do virus. O cambio que se considera ata agora máis relevante, e que explicaría esa maior capacidade de transmisión, ten que ver coa forma desa espícula, que vén ser como a chave para abrir a porta de entrada ao seu hóspede: a proteína encaixa mellor nos receptores da célula humana, que son como as fechaduras, para acceder ao seu interior, replicarse e infectala.

 A elevada incidencia do covid soportada nesta onda na área coruñesa, que chegou a concentrar máis da terceira parte dos casos de toda Galicia, pronto fixo sospeitar aos especialistas que a circulación desta cepa mutada era máis elevada. Os microbiólogos achegan tamén algunhas das claves que poderían explicar a maior extensión da variante, detectada en Inglaterra en setembro, na contorna da Coruña. «Conflúen varios factores, a nosa situación, a estrutura da cidade, a densidade de poboación da área, as comunicacións… Aquí vive máis xente concentrada e movémonos máis que outras áreas. Éntrache unha cepa do Reino Unido e disemínase máis», resume Bou antes de apuntar, a continuación, que «temos case 20 puntos máis agora, pero é cuestión de tempo, a variante británica será a máis prevalente en toda España e en todo o mundo, ten gran capacidade para replicarse e desprazou xa á orixinal», advirte.

Ata agora, os científicos sosteñen que o mecanismo de transmisión desta nova variante inglesa é similar ao do virus orixinal, de modo que a vía de contaxio principal é a inhalación de gotas pequenas e aerosois que poden flotar no aire. É posible facer algo específico para evitar esa probabilidade maior de contaxiarse? «Hai que facer o de sempre, o que desde un principio nos dixeron que deberiamos facer, pero facelo ben», subliña Germán Bou, que alude ao documento do propio Ministerio de Sanidade da semana pasada, datado o 19 de febreiro, referendando a eficacia das medidas coñecidas para todas as variantes: o uso de máscara, a distancia social e a hixiene de mans.