Falece por covid un home de 46 anos e sen patoloxías previas na área sanitaria da Coruña-Cee

La Voz A Coruña

A Coruña CIDADE

MARCOS MÍGUEZ

Trátase dun veciño de Arteixo, natural de Ponteceso

23 ene 2021 . Actualizado ás 18:23 h.

Comezou a semana con malos datos e chega ao seu fin da mesma forma. Se o pasado luns a Consellería de Sanidade informaba o falecemento por covid de sete persoas na área sanitaria da Coruña e Cee, a cifra anunciada a última hora deste venres era de cinco. Así, no que vai de semana morreu 18 persoas diagnosticadas con coronavirus , o que eleva a cifra total desde que comezou a pandemia, o pasado mes de marzo, a 358.

Segundo os datos facilitados polo Sergas, os falecidos este venres foron unha muller de 86 anos, e dous homes, de 46 e 89 anos, que estaban ingresados no Chuac. A eles sumáronse un home de 73 anos, que faleceu na residencia Teresa Jornet da Coruña, e outro de 87 que vivía na Domus Vin de Vimianzo . Todos os falecidos presentaban patoloxías previas, salvo un home de 46 anos, veciño de Arteixo .

José Ramón García Díaz traballaba en parques eólicos e era natural de Langueirón, Ponteceso, lugar co que continuaba mantendo un estreito vínculo.

O alcalde pontecesán, Lois Carballido, cualificou a súa perdida de «tráxica», sobre todo pola súa idade. García tiña, así mesmo, conexión coa parroquia malpicá de Cerqueda, xa que a súa muller naceu alí polo que tamén contaba con familia e amigos nesa zona.

O seu corpo será incinerado no tanatorio San Antonio de Lendo da Laracha, onde hoxe está previsto que se celebre unha misa na capela a partir das 18.00 horas para darlle o último adeus. A cerimonia realizarase baixo estritas medidas sanitarias.