Isabel Faraldo: «Non temos ningún interese en facer partido, senón cidade»

Xosé Vázquez Gago
Xosé Gago LA VOZ

A Coruña CIDADE

EDUARDO PEREZ

O xoves tomará posesión en lugar de Xiao Varela, de Marea Atlántica, como concelleira non adscrita para dar voz a Podemos no pleno

01 dic 2020 . Actualizado ás 09:22 h.

Isabel Faraldo (A Coruña, 1966) tomará o xoves posesión como concelleira. Substituirá a Xiao Varela (Marea Atlántica). Aínda que a corporación aínda non decidiu sequera se terá soldo, xa comunicou que se incorporará como edila non adscrita para que Podemos, a formación da que foi secretaria xeral entre o 2015 e o 2019, teña voz propia en María Pita. Faraldo naceu e creceu en Labañou e é administrativa en compras e subministracións no hospital Abente e Lago.

-Que papel fará Podemos?

-Un papel construtivo e facilitador das políticas en favor da cidadanía. Non temos ningún interese en facer partido, temos interese en facer cidade.

-En que van centrarse?

-Creo que no momento no que estamos, calquera político tense que centrar nas políticas sociais, e imos facelo. Tamén creemos que a política de barrios estivo un pouco arrinconada e imos esforzarnos en facer política barrial e pegada á cidadanía.

-E por que non coa Marea? Xa non é o partido que era?

-Non é tanto unha cuestión de que é Marea como de que é Podemos. Podemos nace coa intención de facer espazos de confluencia onde todos nos sintamos cómodos. Polo que sexa, iso non prosperou e non chegou á cidadanía. Os votantes rexeitaron esas situacións, como se constatou nas últimas eleccións. Repetir fórmulas que non dan resultado é absurdo. Deixamos de ser unha forza subalterna, amalgamada, e pasamos a ser quen somos: Podemos. Con todo o respecto aos nosos aliados, queremos ser forza na Coruña.

-A Marea cualificou a súa decisión de transfuguismo .

-É un discurso que non ten percorrido e apagouse aos poucos días. Máis aló de que calquera concelleiro ten unha acta propia e pódea recoller como quere, tratar de colocarme a min, e dígoo con toda humildade, como tránsfuga por representar a Podemos non ten percorrido. Unha das caras de Podemos A Coruña é Isabel Faraldo.

-O BNG rexeita que se poida dicir que Podemos terá presenza, porque non se presentou.

-Podemos como partido non se presenta, pero Isabel Faraldo que si se presenta, representa a Podemos. É un xogo político para o que estamos lexitimados.

-O pacto PSOE-Podemos no Goberno debe reflectirse aquí?

-O modelo estatal é un bo modelo neste momento de crise sanitaria e social. Débese replicar na Coruña? A nosa vontade, como dixen, é facer políticas construtivas e facilitar medidas para as maiorías sociais. Seremos aliados do PSOE? Seremos aliados de todas as forzas que traballen nesa liña.

-Sobre esas medidas, como ve o plan de reactivación Presco?

-Parécenos unha boa medida en tanto se execute na súa totalidade. Ten unha dobre vertente que incentiva a economía e axuda ás familias. Pero descoñecemos que grao de execución ten e con que rapidez está a facerse. Non nos parece unha mala medida amplialo ao 2021, pero non como medida escaparate, só se se chega ao final da súa execución.

-Que lle parece a renuncia a facer orzamentos no 2021?

-É unha tristeza total que non se poida facer un orzamento adaptado ao que supuxo o 2020, que deixa unhas necesidades moi distintas ao que se prevía cando se fixo o anterior. Pero entendemos que os equilibrios existentes, tristemente tamén, non permitían negociar as contas. Iso é o que mostrou o pleno. A nosa intención é que en futuros cambios orzamentarios téñanse en conta as necesidades causadas pola pandemia, que arrastra unha crise social.