O belén de Manolo ten oito portais

Pablo Portabales
Pablo Portabales A Coruña

A Coruña CIDADE

CESAR QUIAN

Un vendedor xubilado da tenda Staro construíu nacementos artesanais que serven para adornar os 8 accesos da urbanización na que reside na avenida de Arteixo

02 dic 2020 . Actualizado ás 09:56 h.

O home veu arriba. «Eu non sabía que era capaz de facer todo isto. Debe de ser algo que tiña aí gardado, nunca practiquei e agora aflorou», intenta explicar Manolo Pan. Vive na avenida de Arteixo 102, case en fronte do polideportivo da Sardiñeira. Éou n edificio grande que ten 8 portais e onde habitan máis de 200 familias. O ano pasado montou un belén artesanal no seu portal, e este Nadal ampliouno ao resto. A Manolo dáslle un anaco de poliespán e é capaz de calquera cousa. A súa parella regaloulle dúas figuras e, cun trocito do citado material, empezou esta aventura de enorme mérito. Porque o nacemento, dividido entre 8 portais, xa vai polos 16 metros, porque case todos os materiais son reciclados, porque incluíu na instalación os nomes dos nenos que viven no inmoble e agora fanse fotos... E non para. «Sigo ampliando e xa teño encargos de veciños que queren que lles faga algunhas para as súas casas. Encántame», comenta nos micrófonos de Radio Voz mentres mostra os innumerables detalles que inclúe o seu proxecto, desde unha reprodución da torre de Hércules ata pequenas patacas ou cabazas. Hai de todo. A súa filla, que estudou Belas Artes, axudoulle cos carteis, pero o resto fíxoo ela coas súas mans de xubilado. «O outro día estaba entretido coas pezas en casa e cando me dei conta eran as cinco da madrugada», asegura Manolo, que agora ve como mesmo se están empezando a formar colas para ver a súa belén de 8 portais. É un coruñés locuaz, que durante medio século vestiu de gravata para atender á clientela de Staro, a lendaria tenda de moda que por desgraza pechou as súas portas. «Cando me xubilei, deixei o traxe. Agora visto con vaqueiros e camisetas. Foron moitos anos...», reflexiona mentres non para de construír o seu soño cargado de pequenas figuras.