A explosión que fixo tremer a cidade en 1942

Fernando Molezún A Coruña

A Coruña CIDADE

O suceso saldouse cunha vítima moral e 72 feridos, o que foi cualificado de milagroso tendo en conta a magnitude do estalido

23 sep 2020 . Actualizado ás 14:40 h.

«¡Que exemplo de cidadanía e de disciplina deu onte A Coruña!». Así arrincaba a crónica de La Voz de Galicia que, o martes 22 de setembro do ano 1942, contaba como o día anterior fixera explosión a polvoreira do Orzán. A desgraza saldábase cunha vítima mortal e setenta e dous feridos, o que foi cualificado de milagroso tendo en conta a magnitude da explosión e o populoso barrio no que tivo lugar, dentro dunha cidade que naquel entón contaba cuns 120.000 habitantes.

Pasados dez minutos das doce do mediodía producíase esta explosión cuxo estrondo puido escoitarse «a varios quilómetros da capital», levándose por diante as lúas de escaparates e fiestras de diversos barrios da cidade. Na polvoreira situada en Monte Alto almacenábase pólvora negra para proxectís de canón, e tras a explosión «desapareceu totalmente, sendo despedidos a gran distancia bloques de pedra que formaban parte da construción e as súas murallas», segundo explicaban as crónicas da época, que engadían que «unha densa nube de fume cubriu o lugar da explosión por completo e estendeuse logo polo mar».

A vítima mortal foi Francisco Souto Pita, «bombeiro zapador da sección municipal de 37 anos, veciño de Monte Alto, que se atopaba traballando nunha canteira inmediata ao lugar dos feitos». O falecido deixaba viúva e seis fillos de pouca idade, polo que desde A voz de Galicia abriuse unha subscrición popular na que se foron recollendo doazóns co fin de axudar á familia da vítima.

«Con todo iso non viviu a nosa cidade máis que uns minutos de angustia (...) sen que houbese que rexistrar nin nos mercados pletóricos de xentes, nin nos talleres, nin nas fábricas nin en en pobo en xeral, a máis lixeira inadvertencia», culminaba a crónica referíndose ao ordenado comportamento dos veciños, que evitaron que se producisen escenas de caos na zona.