Mulleres na revolución de 1820

Por Xosé Alfeirán

A Coruña CIDADE

Defenderon coa súa presenza e pluma valores de liberdade e a Constitución

09 mares 2020 . Actualizado ás 09:33 h.

Invisibles, pero non ausentes. O 21 de febreiro de 1820 na Coruña militares e paisanos liberais detiveron ás autoridades absolutistas e proclamaron a Constitución de 1812.

Un gravado, conservado no Arquivo Municipal coruñés, reflexa o que sucedeu. Ao fondo da escena vese a fachada do palacio de Capitanía, marcando o reloxo as 12.30 horas do mediodía. Nun dos balcóns do segundo piso, un home axita un pano. É o tenente coronel José Aranda, un dos xefes da rebelión, que dá o sinal para asaltar o palacio. Na praza, diferentes figuras, seguindo o plan previsto, encamíñanse cara á entrada. Uns levan chapeu fungo, peza empregada por comerciantes e burgueses; outros portan o bicornio militar. Alzan as súas espadas e xóganse a vida pola liberdade. Vemos como os máis adiantados e decididos, os paisanos José Varela e José Regal, agarran a un dos gardas para que non dispare máis co seu fusil. Sabemos os seus nomes pola Relación histórica dos acontecementos publicada en 1820 polo capitán Urcullu. E ao mesmo tempo que os liberais entran por unha das portas, pola outra escapan dous eclesiásticos con capelo, simbolizando aos serviles ou partidarios do absolutismo. Tamén na praza están dúas mulleres. En ningún relato histórico aparece mencionada a súa presenza.

 Pero o autor do debuxo representounas entre o reducido número de persoas que sabían o que ía ocorrer e que participaron na revolución. Se nos fixamos, unha vai vestida con sobriedade, cubrindo a súa cabeza cunha mantilla de pano; en cambio a que parece máis nova leva un vestido camisa estilo imperio. Trátase dun traxe dunha soa peza, de muselina e organdí, esteticamente inspirado na antigüidade clásica greco-romana e que se puxo de moda coa revolución nas décadas iniciais do século XX, especialmente entre a burguesía; foi un estilo que deu máis saúde e liberdade ás mulleres, xa que se puideron librar de cotillas, que oprimían o torso, e tontillos, armazones para baleirar as saias, típicos da moda aristocrática do século XVIII, dándolles un aspecto lixeiro e elegante de ninfa. Polos xestos desas mulleres podemos supor que forman parte das familias burguesas ou militares que vivían na Coruña contrarias ao absolutismo e partidarias do liberalismo.

Unha poetisa

De todas as mulleres que ese día estiveron cos revolucionarios coñecemos un nome: Joaquina Calzada. Chegou á cidade seguindo o destino do seu marido, o coronel Juan Manuel Ausel, participante na rebelión. O día 22 compuxo e publicou un poema, en catro estrofas, en oitavas italianas, titulado Canción por un Patriota, animando á loita contra os serviles, que foi recollido e encomiado por Urcullu na súa Relación. Pouco máis sabemos dela, salvo que publicou outros dous poemas e está incluída nas relacións de escritoras e poetisas españolas. E o neno da imaxe? É o futuro e por el fan a revolución.