Onde se saca o máster da reciclaxe?

A Coruña CIDADE

SE QUERES O TÍTULO terás que empregarche a fondo, porque por recipientes e cores non será. A combinación correcta depende do teu código postal, así que mira ben onde pisas

15 feb 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Xa poden sumar unha nova rivalidade ao binomio Vigo-Coruña. Hai un asunto que engadir ás discrepancias habituais entre os do norte e os do sur: os colectores. O que en Vigo se tira ao verde, na Coruña, ao amarelo. Parece que estamos por levar a contraria, pero non, só queremos seguir as normas dos colectores, que non son as mesmas en toda Galicia. Mentres que en 295 concellos (os que engloba a planta de Sogama) o colector xenérico é verde, nos 18 restantes (os que dependen de Nostián e Barbanza), entre os que se atopa A Coruña e a súa área metropolitana, é marrón coa tapa amarela, aínda que tamén existe a versión coa tapa verde, que usan, por exemplo en Ames.

Os dous modelos de xestión de residuos existentes en Galicia coinciden nas normas, pero difiren nas formas, xa que cada un ten deseños diferentes para os mesmos residuos. O modelo «sureño» diferencia un colector xenérico (verde) onde se inclúen desde restos orgánicos -en caso de non dispor dun colector de compostaxe-, cueiros, ata bolígrafos ou coiro; plásticos e envases (amarelo); papel e cartón (azul) e vidro (iglú verde). Ademais, as pilas teñen un recipiente exclusivo, e animan a levar aos puntos limpos todo aquilo que non teña cabida a pé de beirarrúa. Este esquema, practicamente, repítese ademais nos concellos do norte que dependen de Nostián e Barbanza. Tamén hai para as pilas, papel e cartón, o vidro, pero «insisten» na separación entre orgánico (verde) e non orgánico (amarelo).

FÍXACHE NA TAPA

Así que se tes pensado mudarche ou mesmo se vés de visita ao noroeste, -ou ao revés- fica coa copla, e que a tapa do cubo non che leve a engano. Iso si, se ceas pizza non hai fallo. É universal. En toda Galicia, os cartóns de pizza usados -que están contaminados con graxa- tíranse ao colector xenérico, sexa da cor que sexa, pero nunca ao exclusivo para papel e cartón, un erro moi común. E é que as dúbidas e a reciclaxe adoitan ir da man. Os interrogantes sucédense á hora de reciclar. Onde tiro as cascas de ovo? É orgánico, así que ao verde. Xa sabes que en Vigo os mesturan cos outros restos, e na Coruña tíranos á parte. Os bricks de leite? Ao amarelo. Aquí non hai dúbida. É plástico. E un anaco de papel sucio? Na Coruña se é papel ao verde, se fose cartón xa sería outro cantar (o das pizzas) pero en Vigo ao xenérico, que tamén é verde.

De primeiro de reciclaxe é o do vidro e o cartón. Aínda que as túas coordenadas se movan, ti aposta sempre ao mesma cor. Acertas seguro. As botellas, frascos de conservas e tarros de cosmética refúxianse no iglú verde. A cor azul tamén é universal, para papel e cartón sempre que estea limpo. E o chicle, onde o tirarías?