¡Che como a cara a dentadas!

Por Pablo Portabales YES

A Coruña CIDADE

Esteban Suárez

15 feb 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A iniciativa xorde en Galicia. «É un proxecto novo e pensamos que non hai nada semellante no mundo», destaca Ignacio Álvarez-Cervela Souto, de 25 anos. Hai dous meses puxo en marcha a empresa Kukytas, aínda que xa levaba máis tempo dándolle voltas ao asunto. Venden galletas personalizadas nas que se pode imprimir a cara de quen desexes, ben sexa un amigo, familiar ou parella, ou a dalgún personaxe famoso. Na imaxe aparece Ignacio coa súa socia, Paloma Gándara, de 31 anos, co resultado de reproducir os seus rostros no doce formato. A verdade é que é para quedar coa boca aberta. «Facémolas nun obrador que está situado na Ronda de Outeiro da Coruña. Recibimos a foto do interesado vía WhatsApp ou mail. O ideal é que teña a mellor resolución posible e, se nos envía varias, o equipo de deseño elixe a mellor. Cun programa específico tratámola. Logo interveñen impresoras de última xeración e, o máis importante, o traballo manual. Retocamos a imaxe para resaltar algúns aspectos. Esta parte é a que nos leva máis tempo, pero é a que marca a diferenza», explica Ignacio.

A galleta envíana nunha caixa que tamén se pode personalizar con algunha mensaxe específica para a persoa que a recibe. «Traballamos en tres liñas: deseño, packaging e comunicación, e enfocamos o produto a agasallo», apunta. A galleta leva fariña de trigo, manteiga, azucre, ovo, limón, aroma de vainilla, auga e un chisco de sal. O seu sabor lembra un pouco ao das clásicas pastas danesas. «Utilizamos algún colorante natural para a imaxe, pero non conservantes nin aditivos», asegura. Hai uns días recibín por sorpresa unha Kukyta coa miña imaxe e decidín compartilo cos compañeiros e compañeiras da redacción. Aquí descubrín outro aspecto curioso do proxecto, que dá para rirse un intre. «Che como a cara a dentadas», di a primeira valente mentres me arrinca un anaco de orella. «Estás buenísimo», exclama outra (evidentemente en referencia ao sabor). «Che como un pouco máis», afirma un que repite. «Estamos a empezar e non levamos demasiados pedidos, pero imos mellor do agardado», explican os seus promotores. Véndena a 19,90 euros e envíana de xeito gratuíto. Parécelles cara a cara? Orixinal é, sin duda.

O TORREÓN DOS ANDRADE

Pasei cantidade de veces polo Torreón dos Andrade que preside a localidade de Pontedeume. Por dous euros a entrada dos adultos e un a de nenos tampouco hai que agardarse o Louvre, pero merece a pena. Con escasos medios e moita vontade, son capaces de facerche viaxar no tempo grazas á árbore genealógico dos Andrade e diferentes obxectos que presentan nos tres pisos do rehabilitado torreón. Desde a terraza, cunha parte en obras, divísanse as Fragas do Eume e algunhas das moitas aberracións urbanísticas perpetradas nas últimas décadas. Para repor forzas escollín a taberna Zas, na que segue habendo moitos clientes que toman o viño en cunca. Serviron de tapa unhas parrochitas fritas realmente deliciosas. Impoñentes, como o torreón dos Andrade.