Diego Bello será enterrado este mércores en Pastoriza

Alberto Mahía A Coruña

A Coruña CIDADE

Cedida

A sala do tanatorio Alvia, na Grela, está aberta desde a unha da tarde

28 ene 2020 . Actualizado ás 19:58 h.

O corpo de Diego Bello chegou esta pasada madrugada á Coruña. Un coche fúnebre trasladouno desde Madrid despois de que onte se lle practicase a autopsia no Instituto Anatómico Forense de Madrid. Os restos do novo empresario asasinado en Filipinas  están a ser velados no tanatorio Alvia, na Grela. O enterro terá lugar mañá mércores, ás 16.00 horas, no cemiterio de Pastoriza, en Arteixo.

A Audiencia Nacional, que é quen asumiu a investigación pola súa morte, pediu esta segunda autopsia agora que o cadáver está por fin en España e «con todas as garantías». Xa se lle fixo unha primeira autopsia en Manila, mesmo con presenza dunha comisión de Dereitos Humanos ante as estrañas circunstancias que rodearon a morte do coruñés. Nun primeiro informe os axentes dixeron que responderon os disparos da vítima cando foi sorprendida vendendo droga a dous consumidores. En canto a embaixada española e os amigos de Diego na illa empezaron a presionar e a pór en dúbida esa versión, ampliaron o atestado engadindo que se trataba dun narcotraficante «de gran valor» e que o estaban seguindo desde facía tres meses ata que lle tenderon unha trampa. Algo que os coñecidos de Diego Bello negaron sempre tallantemente.