A gripe eleva a demanda de Urxencias do Chuac, con picos de 400 pacientes diarios

LA VOZ A Coruña

A Coruña CIDADE

Urgencias del Chuac
Urxencias do Chuac CESAR QUIAN

A Xerencia da área sanitaria lembra que a atención se prioriza por criterios clínicos e asegura que se están utilizando «todos os recursos humanos e materiais dispoñibles»

08 ene 2020 . Actualizado ás 18:54 h.

As consultas dos centros de saúde de Atención Primaria, pero sobre todo os servizos de Urxencias, tanto no Punto de Atención Continuada da Casa do Mar como no Chuac, perciben estes días un incremento da demanda de atención vinculado ás complicacións respiratorias e á chegada da gripe.

A Xerencia de Xestión Integrada da área sanitaria da Coruña confirmou que se está dando «un repunte das urxencias propia das datas do ano nas que nos atopamos», o que derivou en que algúns días se chegasen a atender «a máis de 400 pacientes diarios» no edificio central do complexo hospitalario. Á primeira hora desta tarde, engadiron, non había ningún paciente pendente de ingreso sen cama asignada. 

Ademais de indicar que tanto a atención como os ingresos se priorizan en función da gravidade e «seguindo criterios clínicos», a dirección asegura que «a calidade asistencial está asegurada. Entre as medidas adoptadas figura a posta en marcha do plan de contigencia fronte á gripe. «Están a utilizarse todos os recursos tanto humanos como materiais dispoñibles», subliñan desde o Chuac, que subliñou o esforzo que están realizando os profesionais e lembrou a importancia de realizar un bo uso dos diferentes servizos, tanto no ámbito de atención primaria como en asistencia especializada.