Xavier Castaño (Igalia): «Marchar a Silicon Valley? Para que? Queremos quedar en Galicia»

Eduardo Eiroa Millares
Eduardo Eiroa A Coruña / LA VOZ

A Coruña CIDADE

XAVIER CASTAÑO GARCÍA, SOCIO FUNDADOR DE IGALIA.
XAVIER CASTAÑO GARCÍA, SOCIO FUNDADOR DE IGALIA. CEDIDA

Premio PEL da Deputación, a compañía, con sede na Coruña, ten 90 empregados en todo o mundo

07 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A Deputación acaba de darlles o seu Premio PEL á Mellor Iniciativa Empresarial. O caso de Igalia ten todos os aromas dos mitos de Silicon Valley, pero en Galicia e sen ánimo ningún de mudarse a California. No último ano do que hai información pública, o 2018, a firma facturou 8,5 millóns de euros. A súa páxina web está en inglés porque o seu traballo desenvólvese en todo o mundo. No seu sector son unha empresa recoñecida en todas partes pero, como é habitual, o seu nome non soa moito no sitio onde teñen emprazada a súa sede, A Coruña. Xavier Castaño García (Catoira, 1978) é un dos socios fundadores da firma coruñesa e tamén o responsable de desenvolvemento de negocio.

-Non me diga que tamén empezaron nun garaxe.

-Non, non era un garaxe, era un local no polígono da Grela onde arrancamos no 2001, ata que nos mudamos no 2009 a onde estamos, en José Luis Bugallal Marchesi, ao lado da fonte das Paxariñas.

-Unha empresa formada por estudantes de Informática na Coruña.

-Argallamos o grupo dez persoas, tres deles, os ideólogos, xa remataran a carreira, os outros sete estabamos a rematar. E si, todos eramos compañeiros da facultade da Coruña. Montamos unha empresa seguindo uns principios un pouco distintos, moi participativa e moi horizontal, de xeito que todos os que entrara foran socios.

-Cantos socios son agora?

-Pois empezamos dez, subimos ata 40 e hoxe, entre traballadores en España a internacionais [teñen xente de Finlandia, Corea do Sur, Estados Unidos], sumando a todos os colaboradores somos 90.

-E non existe o soño de mudarse a Silicon Valley?

-Para que? Queriamos facer algo bonito e interesante desde Galicia. Cando fomos crecendo fomos fichando xente e lles ofrecemos que veñan a Galicia ou que traballen desde a súa casa. O noso obxectivo non é irnos. Queremos quedar en Galicia e facer algo potente a nivel internacional. De feito temos xente en San Francisco traballando para nós. O que si intentamos é que un par de veces ao ano as persoas que traballan con nós veñan a Galicia.

-Cal é o seu tipo de negocio?

-Nacemos como unha empresa que puidera vivir do sotfware libre e hoxe somos unha consultaría moi especializada. O 90 % do noso negocio ven de catro áreas: navegadores web, gráficos, compiladores e multimedia.

-Como se traduce iso?

-Por exemplo, os navegadores máis coñecidos, Chrome e Safari, non son software libre, pero ambos usan motores de renderización e eses motores si son de software libre. Iso nos permite traballar sobre esa tecnoloxía e mellorala. Outro exemplo, imaxine que vostede fabrica ascensores e quere que na pantalla do ascensor apareza determinada información. Iso precisa unha pequena placa e un minisistema operativo, e para iso pódeste basear en Windows ou ir a tecnoloxías web. Nós non facemos a web, pero axudamos a meter un navegador pequeniño para que esa web responda dunha determinada maneira.

-E hai moita demanda neses campos? Que empresas traballan con vostedes?

-Os nosos contratos teñen cláusulas de confidencialidade e son moi estritos, pero si podo dicir que as principais empresas mundiais vinculadas a Internet son ou foron clientes nosos.

-Ten futuro o «software» libre?

-Está infraexplotado e é un filón para calquera país que queira ter acceso á tecnoloxía. Podería aproveitarse moito máis, ninguén o impide.

-Imaxino que cando se estraga un ordenador na casa vos chaman para arranxalo.

-Ordenadores, cámaras... ¡Ao principio nos pedían que repararamos de todo!

-De Windows nin falar...

-Temos un ordenador con el, porque o precisamos para xestións coa Administración.