Polo menos unha decena de vítimas por temporais

redacción LA VOZ

A Coruña CIDADE

Os falecidos por mor da meteoroloxía están relacionados co tráfico, as derribas e o mar

20 dic 2019 . Actualizado ás 19:00 h.

Un dos temporais máis lembrados nos últimos anos polos galegos foi o que afundiu o Prestige. Con todo, aquela galerna foi tamén a causa da morte de dúas septuaxenarias na rúa Real da Coruña. As dúas mulleres faleceron esmagadas despois de que un guindastre se derrubase sobre o tellado da súa casa.

Non foi un suceso común, pero si é certo que a violencia dos temporais provoca cunha certa frecuencia vítimas mortais, especialmente pola derriba de muros ou árbores, pola violencia do mar ou por accidentes de tráfico. Estes son algúns dos temporais que causaron vítimas mortais desde aquel suceso da rúa Real.

En outubro de 2006, a choiva e o vento provocaron que un mozo de 25 anos falecese en Cangas do Morrazo despois de que unha árbore se derrubase sobre o ciclomotor que conducía. En Malpica, unha muller de 80 anos era atropelada no medio dunha tromba de auga.

En abril de 2008, a forza do temporal empurrou a un pescador de cana por un cantil de Valdoviño. O seu corpo non chegou a atoparse.

O ciclón Klaus, en xaneiro de 2009, tivo tamén consecuencias tráxicas, con tres víctims mortais: un sarxento da Garda Civil, ao que esmagou un eucalipto en Burela mentres axudaba a outros afectados; o capitán dun mercante que non soportou a presion dun rescate nun naufraxio fronte á costa da Coruña e morreu por unha parada cardiorespiratoria e un home de 80 anos en Vilalba. O vento impediu extinguir o incendio no que pereceu. Foi o fenómeno atmosférico máis letal dos últimos anos. Á parte dos tres falecidos en Galicia, outras nove presentas morreron no resto de España. En toda Europa, 31.

Un ano despois, en febreiro de 2010, outro ciclón, Xynthia abandonou Galicia tras numerosas desfeitas e a morte dunha muller en Vilar de Barrio, (Ourense) ao golpearlle a cabeza un bloque de formigón desprendido dunha nave da súa propiedade. En novembro, un pescador xubilado afogouse ao intentar recoller a súa barca no medio doutro temporal.