A tenda de Pluto celebra o seu 50 aniversario

Pablo Portabales
pablo portabales A Coruña

A Coruña CIDADE

ANGEL MANSO

Calzados Docampo, unha das tendas máis antigas do Agra do Orzán, cumpre medio século o día 20 e celébrano con descontos especiais e actividades

21 novs 2019 . Actualizado ás 11:28 h.

No número 25 da rúa Francisco Añón hai unha desas tendas de barrio de sempre. Mañá, 20 de novembro, cumpre 50 anos Calzados Docampo, á que moita xente coñece como a tenda de Pluto. O can que primeiro se alimentou con pesetas e agora faino con moedas de 20 céntimos de euro é un pouco máis novo que o negocio, porque o fundador o incorporou uns anos despois da apertura. «Creo que se montaron nel catro xeracións de coruñeses. No 2004 fixen a reforma do local e quiteino. Presentáronme máis de 300 firmas para que o volvese instalar», lembra Alfonso Docampo, que dirixe o establecemento coa súa muller, María Jesús Suárez. Alfonso ten 63 anos e leva 42 no negocio, aínda que «aos 13 anos viña do colexio e axudaba ao meu pai», lembra. Para celebrar o medio século van levar a cabo diferentes accións e ofrecer descontos especiais. «Temos moi boa clientela. Mesmo xente que se marchou a vivir a outras zonas da cidade segue vindo aquí a comprar os zapatos», destaca. En realidade a traxectoria zapateira da familia ten máis de medio século. A historia botou a andar con zocos, os que fabricaba en Carballo Jesús Docampo, o fundador. Emigrou a Uruguai e, alén do charco, traballou nunha fábrica de calzado ata que decidiu montar a súa propia tenda en Montevideo... De volta a casa, en 1969, abriu coa súa muller, Hortensia Collazo, esta tenda que resiste o paso do tempo. «Aquí criei aos fillos», comenta Alfonso, que, polo momento, di que non ten moitas ganas de xubilarse. Pluto tampouco.