Hai un ano que Pedro escapou da morte

A Coruña CIDADE

CAPOTILLO

«Estiven catro minutos en parada cardiorrespiratoria», lembra Pedro Volta, que un ano despois xa pensa en repetir o truco que lle fallou debido á temperatura da auga

12 novs 2019 . Actualizado ás 16:04 h.

O pontevedrés Pedro Volta estivo cos dous pés no outro barrio. Hoxe hai un ano. Actuaba en Navacerrada. Tratábase dun truco de escapismo ao máis puro estilo Houdini. Pero algo fallou. Finalmente puido escapar, pero da morte. «É unha sensación única. Nunca experimentara algo así. Estiven catro minutos en parada cardiorrespiratoria e con hipotermia. Estaba como nun espazo baleiro onde todo era branco e había un son envolvente. Estaba noutra dimensión e sentía pracer. Empecei a escoitar o meu nome «Pedro», «Pedro» ás veces máis preto, en ocasións máis afastado. O meu nome era o único que existía, pero sen apelido e sen recordos. Aos poucos empezaron a aparecer caras no medio dese branco intenso. Vexo caras que entran e saen. Estou entre a vida e a morte. Cando o vives é distinto a cando alguén conta unha experiencia similar. Creo que a inquietude por saber quen me chamaba salvoume. De súpeto vin a imaxe dun policía co que comentara antes do show como actuar no caso de que algo saíse mal. Vino e foi coma se acendésese un interruptor e nun segundo doume conta do que estou a pasar e tócome o corpo e véxome tirado no chan. Xa na ambulancia preguntábanme cousas e respondía sen problemas. Afortunadamente non tiven secuelas». Este impresionante relato é deste mago pontevedrés residente en Sanxenxo.

«GALICIA MAGIC FEST»

Hoxe cúmprese un ano dunha noticia e un vídeo que deu a volta ao mundo. «É curioso, se o chego a ter feito ben non tería transcendencia», destaca. Acostumado realizar trucos de escapismo, di que aquel día o fallo foi a temperatura da auga. «Non son un temerario. Era o terceiro ano que organizaba un festival internacional de maxia. Propúxenme o reto da evasión vestido coa camisa de forza e dentro dunha urna chea de auga. Dous anos atrás fíxeno colgado dun guindastre. Non era unha cousa nova, pero o diferente é que o realizamos ao aire libre, chovía e a temperatura da auga non era a adecuada. Mesmo pensamos en suspendelo. Recordo que conseguín quitarme a camisa de forza, pero deime conta de que estaba gastando moita enerxía. Paráronseme o corazón e os pulmóns, pero como non dei ningún sinal de pánico os meus axudantes estaban expectantes porque algunha cousa lles resultaba estraña, pero non entraron en acción ata que se deron conta de que algo grave estaba a pasar», rememora.

Un ano despois xa pensa, coa temperatura da auga perfecta, repetir o número. «Ao principio sentín frustración porque o espectáculo non saíu ben, pero cando penso que estiven a piques de morrer póñome contento. Pódoo contar e estar coa miña filla, que en xaneiro cumpre 10 anos», reflexiona Pedro, que está de Volta e traballa en varios proxectos. Pronto aparecerá no exitoso Got talent e este Nadal levará a súa maxia e a doutros colegas de profesión a Vigo, Pontevedra e A Coruña. «O Galicia Magic Fest é unha produción miña e estou moi satisfeito. As entradas estanse vendendo moi ben», avanza. 26 e 27 de decembro en Vigo, 29 en Pontevedra e o 30 na Coruña para despedir o ano, o primeiro ano da súa nova vida. «Case dou a vida pola maxia», sentencia o mago que un 9 de novembro escapou da morte.

As entradas para Galicia Magic Fest o próximo 30 de decembro na Coruña están á venda con 40% de desconto en clicentradas.é.