As mellores rutas para correr por toda a área metropolitana coruñesa

Loreto Silvoso
LORETO SILVOSO A Coruña

A Coruña CIDADE

MARCOS MÍGUEZ

Aínda que calquera carreiro é válido para calzarse unhas zapatillas deportivas e comezar a trotar, a nosa comarca atesoura unha infinidade de itinerarios idóneos para a práctica do running

21 novs 2019 . Actualizado ás 18:42 h.

Aínda que para gustos se pintan runners, o paseo do río Mero encabeza a lista dos mellores lugares para correr de toda a área coruñesa. Esta ruta, que parte da Barcala (Cambre) e chega ata o encoro de Cecebre, teno todo. Terreo brando e chairas perfectas para facer tiradas longas ou para practicar series e cambios de ritmo, sesións habituais en calquera corredor que queira progresar no seu rendemento. Ademais, a alternancia perfecta entre sol e sombra -con maior cantidade de zonas frondosas que outra cousa- se agradece tanto no verán como no inverno.

A saturación dos sábados

En contra do trazado está o mal estado dalgúns carteis e unha certa saturación de público; especialmente durante as fins de semana. Hai determinados momentos, sobre todo os sábados e domingos, nos que aos runners máis curtidos case lles custa abrirse paso entre as cuadrillas de nenos e maiores que pasean a ritmo de sendeirista, as numerosas bicicletas e os paseadores de cans. As fins de semana hai overbooking en hora punta.

É o paseo do Mero un terreo brando con chairas perfectas para facer series

Un gran punto a favor do trazado é que o circuíto é circular. É dicir, se un cruza alén da ponte, xa se pode pór a correr en sentido contrario. Ata os 21 quilómetros, pódese amoldar o adestramento á distancia desexada. Moitos quedan nos dez quilómetros e outros quedan facendo series de velocidade pola primeira parte do trazado.

CESAR QUIAN

O adestramento ao aire libre

No segundo posto do noso ránking dos mellores sitios para correr, ben poderiamos ocuparnos dos campos da Torre de Hércules. Para moitos deportistas, o mellor adestramento ao aire libre está situado xunto ao emblemático monumentou, non en balde é frecuentando acotío por avezados runners. «Correr na Torre é fantástico», explica o adestrador do club Social Running Casino, Carlos Atanes; un tipo que leva toda a vida correndo. Ademais das impresionantes vistas, o cheiro a mar e as decenas de especies de aves que se poden avistar facilmente a diario, «nos arredores da Torre tes subidas, tes baixadas, tramos chairos… Isto permite traballar tanto a forza como a resistencia, así como o adestramento concéntrico, o excéntrico e o anaeróbico láctico, entre outros», explica Atanes.

De comparalo con algo, sería como marcarse un fartlek, un sistema de adestramento que consiste en facer diferentes cambios de ritmo, con distintas intensidades, velocidades e distancias en diferentes tramos. Por poder, os corredores poden correr se queren unha media maratón. Por exemplo, se dás dúas voltas ao redor da Torre, empezando no Club do mar, e realizando ida e volta ata a Casa dos Peixes, son ao redor de 12 quilómetros. Este é, por exemplo, o plan que adoita practicar Atanes durante os adestramentos grupales que realiza os domingos pola mañá.

MARCOS MÍGUEZ

Sen saír da cidade da Coruña, hai outros itinerarios bastante frecuentados tamén polos corredores: o paseo marítimo desde o Parrote ata a Torre e desde a Torre a Riazor, o circuíto polo que discorren a maioría das carreiras populares que se organizan ao longo do ano.

Os campos da Torre ou Seixo Branco permiten adestrar a forza e a resistencia

Á chamada ruta do colesterol, polo paseada que está, habería que engadir, por suposto, a súa prolongación ata o Portiño e, alén do istmo coruñés, o paseo marítimo de Oza, como outros percorridos onde é habitual ver a xente correndo a diario. E logo están os parques: o parque de Bens (válido para adestrar costas), o parque de Oza e, detrás das pistas de atletismo de campus de Elviña, «hai unhas pistas de terra que chegan ata Novo Mesoiro que utilizan moito os meus atletas. Pasa preto do castro de Elviña», comenta o responsable do sector de velocidade da Federación Galega de Atletismo, Carlos Tuñas quen, por certo, cando sae a correr só, empeza polo parque de San Diego e chega ata a praia de Oza, outro lugar moi frecuentado polos amantes da carreira. Ademais de exercicios de técnica de carreira, hai moitos corredores que aproveitan para fan series. É unha zona máis chaira e resgardada que o paseo marítimo», engade Roi Barros, adestrador persoal e tamén corredor experimentado.

Bastiagueiro está do trinque

É o municipio de Oleiros un concello que ofrece alternativas fantásticas para a práctica de o running. Caben destacar as novas sendas do parque de Bastiagueiriño e o percorrido que hai desde o paseo marítimo de Santa Cristina ata Seixo Branco, pasando polo parque das Galeras e Santa Cruz.

Culleredo ten o frecuentadísimo paseo marítimo do Burgo; Arteixo, o paseo litoral; e Betanzos, a ruta dos Caneiros ata a ponte de Teixeiro .

En Miño , a ruta máis común discorre ao lado do mar. Algúns corredores adestran desde a praia de Miño ata a de Perbes pola beirarrúa. Tamén hai quen opta polo Camiño de Santiago: de Ponche Baxoi-Miño. Outros quedan co tramo do Camiño Inglés que vai desde Buiña ao campo de Golf e de aí ata Bañobre.