Sete meses de obras e 558.000 euros para a futura sede do 061

R. DOMÍNGUEZ A Coruña

A Coruña CIDADE

Antigua delegación de Sanidade en Gregorio Hernández
Antiga delegación de Sanidade en Gregorio Hernández ANXO MANSO

A reforma dun dos bloques da antiga delegación de Sanidade, en Gregorio Hernández, comezará no primeiro trimestre do 2020

15 oct 2019 . Actualizado ás 13:49 h.

A Consellería de Infraestruturas anunciou este martes a licitación, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, das obras de rehabilitación da futura sede do servizo de urxencias sanitarias do 061, na rúa Gregorio Hernández, ás que se destinarán case 558.000 euros

Esta actuación, complementaria á construción do Espazo Amizar recentemente adxudicada, afectará o inmoble situado en pártea sur da parcela da antiga delegación de Sanidade. A obra, cuxo prazo de execución é de sete meses, está previsto que se inicie no primeiro trimestre do 2020 e as firmas interesadas en facerse co contrato teñen ata o 11 de novembro para presentar as súas propostas. 

O proxecto permitirá habilitar a planta baixa para arquivo, local para ambulancias e almacén de medicamentos. No primeiro piso instalaranse estancias de descanso, traballo e reunións. A actuación non prevé un aumento da edificabilidade, polo que se demolerá un pequeno local existente, ademais de retirar a caseta do grupo electróxeno e a marquesiña do acceso actual á rolda para substituíla por unha na zona da entrada principal. Coa reforma tamén se intervirá na fachada, coa renovación dos cerramentos para mellorar a eficiencia enerxética, e a renovación da estética exterior.